Inscrición de nivel no V Torneo Internacional Junior de Tenis
Por Diego Espiño
O Torneo Internacional ITF Junior de Tenis de Pontevedra conta as horas para que arrinque a súa quinta edición, na que estreará a categoría de Grao 2 e con iso experimentará un aumento no nivel competitivo.
Só no cadro feminino estarán nas instalacións de Casino Mercantil en Mourente 10 tenistas que se atopan actualmente no Top-100 do ránking internacional junior.
"Ahora mismo le estamos ofreciendo a Pontevedra el mejor tenis junior", recoñece satisfeito o director técnico do torneo, Noli Álvarez, que cre "seguro que alguna de ellas gana el año que viene algún Grand Slam junior".
Tamén o cadro masculino contará cun gran nivel, pero sempre con cabida ás grandes promesas galegas, que acceden nalgún caso grazas á invitación da organización.
Desta forma entran no cadro xogadores como Simón Arca, do CCD Sanxenxo, Rafael Izquierdo ou Luís Fernández no torneo masculino e Jessica Bouzas, Celia Montero ou Laura López no feminino. Tamén convidaron ao subcampión de España cadete, Nicolás Álvarez, e á campioa na mesma idade, Lucía Cortez.
A competición arrincará coa fase previa o domingo 9 de outubro, desde as 10:00 horas, nas sete pistas habilitadas. Pola súa banda a fase final (32 xogadores por cadro) xogarase desde o martes 11 ata o domingo 16 de outubro, cando están previstas as finais individuais.
O nivel alcanzado polo torneo evidénciase tamén na importante lista de espera tras pechar a inscrición, xa que se anotaron 509 xogadores de 50 países, dos que só uns poucos poderán acceder aos cadros individuais e de dobres.
A organización buscará ademais ter presenza na cidade para atraer afeccionados aos partidos, que terán entrada gratuíta, e por iso realizarase unha xornada de exhibición en plena Praza da Ferrería, o mércores día 12.
Relacionadas:
-
Peche con sabor ruso no V Torneo Internacional Junior de Tenis
Por Redacción |
-
O V Torneo Internacional Junior de Tenis inicia a súa fase final no Mercantil
Por Redacción |
-
Convenio entre Concello e Mercantil para consolidar o Torneo Internacional Junior de Tenis
Por Diego Espiño |
-
O Torneo Internacional Junior de Tenis de Pontevedra sobe de categoría
Por Diego Espiño |