Convenio entre Concello e Mercantil para consolidar o Torneo Internacional Junior de Tenis
Por Diego Espiño
As instalacións do Casino Mercantil en Mourente prepáranse xa para acoller unha das citas deportivas do ano, o V Torneo Internacional Junior ITF de Tenis, que este ano estrea a catalogación de Grao 2 tras ascender de categoría.
Celebrarase do 8 ao 16 de outubro, tras un importante esforzo da organización para cumprir os requisitos da Federación Internacional. Por exemplo, fíxose un investimento para "adecuar as tres pistas de arriba", que pasarán a ser as centrais ao contar cunha ampla bancada para o público.
O apoio do Concello concrétase no convenio de colaboración, renovado este venres, polo que achega 15.000 euros para a celebración dun torneo que atraerá á cidade a moitas das grandes promesas do tenis internacional e que supón "moitas raquetas, moitos gastos e moito esforzo", sinalou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
"Xa estamos a un paso de estar no máis alto a nivel ITF", explicou á súa vez na firma do convenio Roberto Vega, presidente do Mercantil, quen confirmou que "dentro dun ou dous anos" tentarán lograr a catalogación de Grao 1, a máxima dentro do circuíto internacional de categoría junior exceptuando os torneos de Grand Slam.
Vega lembrou ademais que a entrada para todos os días de competición será de balde para o público.
Relacionadas:
-
Peche con sabor ruso no V Torneo Internacional Junior de Tenis
Por Redacción |
-
O V Torneo Internacional Junior de Tenis inicia a súa fase final no Mercantil
Por Redacción |
-
Inscrición de nivel no V Torneo Internacional Junior de Tenis
Por Diego Espiño |
-
O Torneo Internacional Junior de Tenis de Pontevedra sobe de categoría
Por Diego Espiño |