O BTT non para no Pontillón do Castro
Por Diego Torrado
Foi un día inestable no meteorolóxico, pero perfecto para a práctica do ciclismo de montaña.
Máis de 300 deportistas participaron este sábado, ou máis ben gozaron, na terceira edición da Pontevedra BTT Non Stop, nas modalidades de 12 e 6 horas.
A actividade iniciouse ben cedo, ás 9:00 horas da mañá, e non concluíu ata as 21:00 horas da noite. O obxectivo, completar o maior número de voltas posibles ao circuíto habilitado na contorna do encoro de Pontillón do Castro, de preto de 9 quilómetros.
O resultado era o de menos, ao non tratarse dunha proba competitiva, pero a nivel individual un deportista, Eduardo Buján, chegou a completar en solitario 24 voltas, mentres o equipo que máis voltas realizou foi o Boamorte And Newbikes Team, con 30.