Patinazo do Teucro en Carabanchel (31-27)
Por Redacción
Non acaba de coller velocidade de cruceiro o Teucro neste inicio de tempada. Nesta ocasión a súa irregularidade e erros, especialmente nos minutos finais, custáronlle a segunda derrota en tres partidos, fronte a un recentemente ascendido como o BMC Carabanchel, que sinxelamente tivo máis fe nas súas posibilidades, e soubo xogar mellor os momentos craves dun partido igualado, que se resolveu nos últimos dez minutos.
Se alguén se pensaba que o camiño de retorno a Asobal ía ser de rosas, especialmente despois dunha ilusionante pretemporada dos de Quique Domínguez, vencedores da Copa Galicia, apenas tres xornadas con dúas derrotas a domicilio nelas, bastaron para deixar ver as espiñas que enchen un camiño difícil e complicado.
En terras madrileñas os azuis volveron a dar a de area, como sucedese 15 días antes en Zamora. Unha primeira parte marcada pola igualdade e alternativas no marcador, sempre con curtas vantaxes para un e outro equipo, o empate ao descanso (14-14), deixaba as cousas pendentes para a segunda metade.
A segunda parte non comezou mal para os de Quique Domínguez, que lograron unha curta renda de dous goles e chegaron por diante ao minuto 40 de partido (19-20), pero a partir de aí o equipo afundiuse e BMC comezou a crer que o seu soño de conseguir a primeira vitoria da súa historia en División de Honra Prata era posible. Cun parcial de 4-2 deron a volta ao marcador, para entrar con vantaxe mínima nos dez minutos finais (25-24).
O Teucro caeu nunha profunda fochanca, estrelouse contra a defensa madrileña, convertendo en protagonista ao seu porteiro Gonzalo Areas. A consecuencia foi que a diferenza creceu ata os tres goles (29-26) para entrar nos últimos cinco minutos, nos que os azuis se mostraron impotentes e sen ideas, para terminar cedendo de forma sorprendente, deixando escapar os dous puntos.
Consulta aquí o acta do partido.
Relacionadas:
-
O Teucro, sen confianzas ante o Tolosa no seu último partido no exilio de Príncipe Felipe
Por Diego Espiño |
-
O Teucro reacciona na segunda parte para gañar en Zarautz (19-24) e seguir adiante na copa
Por Redacción |
-
Quique Domínguez aposta pola Copa do Rei: "Es una competición que me gusta mucho"
Por Diego Espiño |
-
Edu Moledo, baixa sensible para o Teucro na Copa do Rei
Por Redacción |
-
Teucro e Cisne buscan o seu segundo triunfo da tempada
Por Diego Espiño |
-
O Teucro salva os mobles nun mal partido fronte ao Grupo Covadonga (31-28)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Tropezo do Teucro en Zamora (23-21), vítima do seu desacerto en ataque
Por Redacción |