O decisivo España-Estonia Sub 21 inicia a semana de actos do 75 aniversario do Pontevedra
Por Ramiro Espiño
Será o vindeiro luns día 10 de outubro, ás 18:45 horas. Pasarón acollerá un decisivo España-Estonia, de clasificación para o Campionato de Europa de seleccións Sub-21. O combinado español que dirixe Albert Celades, necesita gañar para polo menos asegurarse a repesca ou ben optar á clasificación directa, en caso dun tropezo de Suecia fronte aos mesmos estonios na penúltima xornada, na que a "rojita" debe vencer tamén a domicilio a San Marino.
O partido, que servirá de paso como pistoletazo de saída á semana grande dos actos cos que o Pontevedra conmemorará o 75 aniversario da súa fundación, foi presentado ao mediodía deste sábado no mesmo Pasarón, polo presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, acompañado da presidenta do club granate, Lupe Murillo, e o seleccionador español Sub-19 e axudante de Albert Celades na Sub-21, Luís de la Fuente.
Rafael Louzán deu a coñecer o prezo das entradas, remarcando que "son prezos populares co obxectivo de encher o estadio". 20 euros custa a entrada para a bancada de Tribuna, 15 euros Preferencia e 10 euros para calquera dos dous Fondos, entradas que se poñerán á venda xa desde este luns nas delegacións da Federación Galega de Fútbol en Pontevedra e Vigo, e nas oficinas do Pontevedra Club de Fútbol, así como nos despachos de billetes de Pasarón, o mesmo día do partido.
Lupe Murillo abriu a presentación dando a benvida aos asistentes e as grazas ao presidente da FGF e á RFEF por traer a Pontevedra e a Pasarón "este partido tan importante" e lembrou que "dado que es un partido clasificatorio para el Europeo es fundamental que todos vengamos a apoyar a la selección, que necesita de todos nosotros. Que ese amor al fútbol que se vive en Pontevedra se pueda reflejar de nuevo en un partido de la Selección, como ya hicimos en un amistoso entre las selecciones absolutas de España y Arabia Saudí". A presidenta do Pontevedra C.F. lembrou que "el partido se va a celebrar en la semana en la que celebraremos los actos de nuestro 75 aniversario. Y empezaremos con un plato fuerte esa semana grande de nuestro club".
O presidente da Federación Galega de Fútbol deu as grazas a Luís de la Fuente pola súa presenza no acto e tamén ao Pontevedra C.F., así como ao Concello de Pontevedra e á Xunta de Galicia, que tamén colaboran no evento. Rafael Louzán destacou a importancia do partido, "no que a España só válelle a vitoria para asegurar, polo menos, a repesca e mesmo ter opcións de ser primeira de grupo e clasificarse de forma directa para o Campionato de Europa de Polonia 2017".
Destacou tamén a elección de Pasarón como sede deste partido "porque é un estadio que o merece, cunhas condicións idóneas e onde o público responde; un estadio magnífico para ver e gozar do fútbol".
OBRAS DE MELLORA NO TERREO DE XOGO
O partido vai reportar beneficios á cidade e ao Pontevedra C.F. Así o destacou o presidente da FGF ao mencionar as obras de mellora que se están realizando no terreo de xogo de Pasarón. Unhas obras que a Federación decidiu realizar para que o céspede estea nas mellores condicións posibles despois de escoitar a opinión de Albert Celades. E non dubidou en contratar para iso "á empresa que se encarga do céspede de Balaídos ou do Camp Nou". De feito, eses traballos que comezaron o pasado luns xa están a dar os seus froitos. Unha importante mellora do campo que será un dos beneficios que o partido reportará ao Pontevedra.
Niso colaboran tamén outros clubs da zona que ofreceron as súas instalacións para os adestramentos do Pontevedra e que dese modo apenas se utilice o campo durante estas tres semanas. Clubs como o Cambados e o Ribadumia aos que Louzán deu as grazas publicamente.
Pola súa banda, Luís de la Fuente agradeceu a acollida e a importancia do partido porque "nos jugamos la clasificación para el próximo Europeo, aunque antes tenemos que sacar adelante primero el partido en San Marino". O membro do corpo técnico da Selección Española afirmou que "no hay mejor escenario para jugarse una clasificación que este campo, que es una pocholada" e animou ao público a asistir "porque estamos hablando de muchos jugadores que están en Primera División, hay varios jugadores gallegos y todos están en la antesala de la Selección Absoluta. Es un gran espectáculo por disfrutar y, además, con la enorme trascendencia que tiene".
De la Fuente concluíu facendo unha petición aos afeccionados: "Necesitamos el apoyo del público, nos gustaría jugar el partido con las gradas llenas y ojalá podamos celebrar todos la victoria y la clasificación".
Relacionadas:
-
Máis de medio aforamento de Pasarón vendido para o España-Estonia Sub-21
Por Redacción |
-
O Pontevedra presenta o calendario de actos do seu 75 aniversario
Por Diego Espiño |
-
Asensio, Denis Suárez ou Williams, convocatoria de luxo da Sub-21 para o seu partido en Pasarón
Por Redacción |
-
Obxectivo "llenar Pasarón" no partido da Selección Española Sub-21
Por Diego Espiño |
-
A Selección Española Sub-21 xogará o 10 de outubro en Pasarón
Por Redacción |