Lorenzo: "Temos que facer bo o empate en Narón gañando estes dous partidos na casa"
Por Diego Espiño
O Pontevedra volve ao traballo tras o tropezo en Narón pensando nas dúas xornadas consecutivas que xogará en Pasarón, antes Somozas e CeltaB.
Unha das claves para volver á senda vitoriosa será recuperar a solidez defensiva das primeiras xornadas de campionato. Así o apunta Lorenzo Riveiro. O gardameta, tras dous meses sen xogar por lesión, volveu facerse coa portería granate quizais no peor momento.
Como te encontras? A lesión está esquecida?
A verdade é que a lesión me tivo case dous meses apartado. Estiven dúas semanas sen poder tirarme ao chan e despois pouco a pouco. Agora xa estou recuperado de todo. Si é verdade que os resultados, dende que debutei ata agora, non foron moi bos agás o día do Céltiga.
Dous partidos fóra, Negreira e Narón, dous tropezos, que pasou?
En Negreira non me esperaba xogar e é verdade que a chuvia e o vento non axudaron demasiado. Un pequeno descoido nunha falta, erros puntuais... ao final tres goles e funme con mal sabor de boca. En Narón sabiamos que ía a ser parecido, un equipo pechado que saíndo á contra e nos fixeron un pouco de dano na primeira parte, pero a segunda dominámola e creo que podiamos ternos levado a vitoria.
Hai fases de bo xogo, o equipo parece ter marxe de mellora, pero dá a impresión de que vos custa cando o rivais se pechan atrás.
Nestes partidos estannos a facer dano con pouco, métennos goles e a nós nos está a custar máis. Temos máis ocasións, máis chegada, máis iniciación, pero fallamos no último pase ou nos disparos e eles cada vez que chegan fannos gol.
"Este equipo ten para dar moito máis. ÿ un equipo de xente nova"
Es un dos superviventes da pasada tempada, o equipo renovouse moito. Como o ves? Hai potencial?
Este equipo ten para dar moito máis. ÿ un equipo de xente nova. A verdade é que hai un bo grupo e temos que ir mellorando. Vaise vendo estes partidos que cada vez temos máis o balón, levando o peso dos encontros, pero queda moito.
Dous partidos seguidos na casa, é o primeiro momento importante da tempada?
Falámolo no vestiario, temos que facer que o empate en Narón sexa bo gañando estes dous partidos na casa, coa nosa xente. Estamos centrados niso, queremos lograr eses puntos para manternos aí arriba e que non se distancien moito os primeiros postos
Ves o Racing de Ferrol inalcanzable?
Isto pode dar moitas voltas. Si que é unha realidade que o Ferrol ten moi bo equipo, bos xogadores, e estase a ver no campo. Levan pleno e será difícil alcanzalos pero isto vai por refachos tamén, tanto poden empezar ben agora e logo vai pinchando. Isto é moi longo.
Que outros equipos ves loitando polo play-off?
O Celta está bastante forte aí co Ferrol. Eu creo que ata o final isto vai estar moi igualado, non se vai saber nada. O Cerceda por exemplo tivo mal arranque pero pouco a pouco vai ir arriba. Este ano a verdade é que hai equipos moi bos, moi fortes.