"As pistas deixan paso aos sendeiros" na terceira edición da Pontevedra BTT Non Stop
Por Diego Espiño
A contorna do encoro de Pontillón do Castro, en Verducido, acollerá este sábado 24 por terceiro ano consecutivo a Pontevedra BTT Non Stop, proba non competitiva e de "superación persoal" con dúas modalidades, 6 horas e 12 horas.
A semellanza das probas de resistencia no mundo do motor, os participantes tentarán completar as máximas voltas posibles a un circuíto de case 9 quilómetros no tempo estipulado, podendo facelo por equipos ou de maneira individual.
Nesta ocasión o percorrido presenta importantes cambios con "un circuíto máis de Mountain Bike, onde as pistas deixen paso aos sendeiros", explicou Josevi Cimadevila, responsable da empresa organizadora.
"Segue sendo unha proba orientada a todo o mundo", sinalou, e que este ano contará con máis de 300 participantes, cun importante incremento dos deportistas que o realizarán en solitario, máis de 30.
A proba de 12 horas comezará ás 9:00 horas desde as instalacións de piragüismo, mentres as 6 horas arrincarán ás 15:00 da tarde, completando o final da proba xa entrada a noite.
Trátase ademais dun evento "atractivo para o público", cunha zona cero e actividades en meta para os afeccionados e familiares que ata alí se acheguen.