A Xunqueira de Alba, escenario da Liga Galega de Canicross e Bikejoring
Por Diego Espiño
Pontevedra acolle por segunda vez unha proba da Liga Galega de Canicross e Bikejoring, dúas especialidades deportivas que se caracterizan porque os deportistas compiten cos seus cans, xa sexa en carreira a pé (canicross) ou en bicicleta (bikejoring).
Preto de 50 participantes, nas diferentes categorías, daranse cita este domingo a partir das 11:00 horas coa intención de gozar do deporte compartindo bos momentos coas súas mascotas, como recoñece un dos deportistas, Roberto Salvado, "la compañía y la unión entre los dos es lo que lo hace especial. Desde que lo practico no entra en mi cabeza ir a correr o en bici sin mis perros".
A Liga Galega de Canicross e Bikejoring está composta por cinco probas. En Pontevedra, cuarta cita, o circuíto constará de 5 quilómetros de lonxitude sobre as pistas de terra da Xunqueira de Alba. A competición arrancará coa proba popular, para seguir coas categorías cadete, xuvenil e por último os participantes na Liga Galega.