O futuro do deporte galego inicia un novo curso en Pontevedra
Por Diego Espiño
Pontevedra volve ser un ano máis o centro formativo do deporte galego grazas ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva, que este xoves iniciou un novo curso.
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, acompañado do novo director do centro, José López, deu a benvida aos alumnos bolseiros do centro facendo fincapé nos "valores deportivos" e o "afán de superación e traballo diarios" que deben presidir a súa formación.
Este curso serán 162 os deportistas bolseiros no CGTD en 12 especialidades, o que supón "o 100% das prazas" e "por primeira vez co 50% delas ocupadas por mulleres", sinalou Lete Lasa.
Deles, 90 alumnos compaxinarán a súa preparación deportiva coa formación académica en 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato.
Ademais das instalacións situadas na cidade, no antigo Estadio da Xuventude, o CGTD conta con instalacións adscritas como a pista de piragüismo David Cal Pontillón do Castro, en Verducido, ou o Centro Galego de Vela en Vilagarcía.
Os deportes con bolseiros no centro de alto rendemento galego son: atletismo, bádminton, judo, loita olímpica, natación, péntatlon moderno, piragüismo, remo, slalom, taekwondo, tríatlon e vela.