O Pontevedra segue adiante na Copa Federación ao vencer con autoridade ao Ribadumia (1-3)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Horario europeo na Senra e consecuencia lóxica, Ribadumia e Pontevedra disputaron a súa eliminatoria de Copa Federación "en familia". Partido frío, xogado con escasa tensión, que uns e outros aproveitaron para ensaiar cousas máis serias, ademais de reservar xogadores coa vista posta na xornada ligueira. Os granates impuxeron a súa calidade técnica, aínda que os homes de Sierra dispuxeron de boas oportunidades para marcar, especialmente na primeira parte.
Igualdade na primeira parte, salvo no marcador. O Ribadumia creaba perigo en balóns que buscaban as costas dos defensores visitantes, así como en faltas laterais lanzadas por Adrián Camiño, nas que aos de Luisito faltoulles máis dunha vez a necesaria tensión defensiva para dificultar os remates locais, que careceron de puntería.
O fútbol dos granates pasaba polas aparicións de Jacobo e Mouriño, ou as chegadas por banda de Álex González, aínda que sería unha acción individual e un erro defensivo, os que marcarían o resultado ao descanso e a definición do a eliminatoria.
A primeira ocasión sería foi para Mateu, que non acerta a resolver, presionado por Pacheco (minuto 18), cando encaraba a Lucas. Logo chegaría un gol anulado a Changui nun balón que se lle escapa a Santi Canedo, por fóra de xogo (minuto 22), tras o remate dunha falta lateral.
Superada a media hora Borja crúzase providencialmente antes de que Álex González chegue para empuxar, mandando a corner, pero á saída dese corner Mouriño recibe un balón rexeitado e el mesmo faino todo. Conduce habilitándose o espazo no interior da área ata atopar o oco e colocar o balón de "rosca", coa dereita, xunto á base do poste (minuto 32). Imposible para Lucas.
Pouco despois o colexiado sácase da manga un penalti inexistente, estimando que Portela derruba a Agus (minuto 35), cando o central visitante toca claramente balón. Changui non puido superar a Santi Canedo, que lle adiviñou a intención, conseguindo deter o lanzamento.
A medida que subía o ritmo de xogo, o Ribadumia tiña máis dificultades para conectar con Changui, moi só en punta, e o Pontevedra aproveitaba para sentirse máis cómodo, ata que ao fío do descanso o Pontevedra deixaba practicamente resolta a eliminatoria. Álex González mete un balón á interior da área, Pacheco falla no seu intento de despexe, e Mateu non desaproveita o agasallo, fusilando de preto a Lucas.
Co traballo feito, Luisito decidiu botar o cadeado ao partido e tras o descanso deu entrada a Kevin Presa e Álex Fernández. Con eles, o Pontevedra fíxose dono absoluto da zona ancha e os aurinegros apenas tiveron opción de achegarse sequera á área granate, salvo no lanzamento de faltas laterais, nas que a defensa visitante seguiu defendendo francamente mal.
A pouca historia que quedaba por escribir estaba en saber se habería máis goles ou os de Luisito conformaríanse con manter a renda. Hóuboos. Como consecuencia lóxica do dominio e superior calidade técnica individual dos visitantes. Mario Barco puxo un gran balón ao espazo libre, que deixou só a Álex González (minuto 70) ante Lucas. O dianteiro granate resolveu con calidade, cruzando por baixo e pechando calquera posibilidade de remontada local.
Na última acción do partido chegaba un mínimo consolo para o Ribadumia, que lograba recortar distancias cun gol de bela factura conseguido por Agus, sorprendendo por alto cun toque perfecto a Santi Canedo.
CD RIBADUMIA (1): Lucas; Borja, Pacheco, Miguel Vázquez, Iago Martínez (Cris, minuto 46); Gabi, Adrián Camiño (Hugo, minuto 68); David, Paco (Fran Fandiño, minuto 58), Agus; e Changui (Mou, minuto 58).
PONTEVEDRA CF (3): Santi Canedo; Adrián, Portela (Bonilla, minuto 67), Bruno; Miki, Jacobo Trigo, Abel Suárez (Kevin Presa, minuto 46), Mouriño; Jacobo (Álex Fernández, minuto 46); Mateu (Mario Barco, minuto 67) e Álex González.
Árbitro: Daniel Pastoriza Iglesias (Pontevedra), auxiliado nas bandas por Miguel Ángel Miñán Fernández e Miguel Oliveira Dios. Amoestou a Hugo, polo Ribadumia, e a Jacobo, polo Pontevedra.
Goles: (0-1) Minuto 32: Mouriño. (0-2) Minuto 44: Mateu. (0-3) Minuto 70: Álex González. (1-3) Minuto 90: Agus.
Incidencias: Campo Municipal da Senra (Ribadumia). Partido correspondente aos Cuartos de final de Copa RFEF. Uns 100 espectadores. O Pontevedra disputará a semifinal autonómica fronte ao vencedor da eliminatoria Barbadás-Rápido de Bouzas, que se xoga este xoves no campo ourensán dos Carrís.
Relacionadas:
-
Achan restos de máis bebés no Campo da Lanzada
Por Redacción |
-
A final galega da Copa Federación entre Pontevedra e Arosa, en Cambados
Por Redacción |
-
Os penaltis clasifican ao Pontevedra para a final autonómica da Copa Federación (2-2)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Tres puntos para reengancharse ao vagón dianteiro
Por Ramiro Espiño |
-
Íker Alegre operado con éxito
Por Ramiro Espiño |
-
O Arosa presenta candidatura en Abegondo, Ribadumia e Villalonga caen e Céltiga segue sen perder
Por Redacción |
-
O Pontevedra paga o seu conformismo ante un Celta B que xoga máis dunha hora en inferioridade (1-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Saída complicada para o Pontevedra ante un ambicioso Celta B
Por Diego Espiño |
-
Ribadumia e Céltiga "pescan" a domicilio mentres Arosa xoga ben pero non gaña e Villalonga cede en San Pedro
Por Redacción |
-
O Pontevedra pasa de poder golear a terminar pedindo a hora fronte ao Palencia (2-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Plácido triunfo do Pontevedra ante o Alondras en Copa Federación
Por Diego Espiño |