Deixar a portaría a cero, materia pendente do Pontevedra
Por Diego Espiño
A fase de ascenso complícase para un Pontevedra Club de Fútbol demasiado fráxil en defensa na presente tempada. Os de Milo Abelleira recibiron ata o momento 31 goles, polos 22 da mesma xornada da pasada campaña, aínda que máis rechamante resulta o dato dos encontros nos que os granates conseguiron deixar a portaría a cero.
En 25 xornadas, o Pontevedra tan só non viu perforada a súa meta en seis ocasións, un dato que se agrava se se ten en conta que as tres primeiras veces foron á súa vez os tres primeiros partidos de liga. Dende entón, só nas xornadas 19, 20 e 21 ante Deportivo B, Rápido de Bouzas e Alondras conseguiron deixar a porta a cero, un dato que contrasta coas 12 veces que os granates resultaron imbatidos a tempada pasada.
Con catro puntos menos que hai un ano pero a só un do cuarto clasificado, o conxunto lerezano deberá mellorar esa solidez se quere manter as opcións nunha loita na que están inmersos seis equipos, do terceiro ao oitavo, cunha mínima distancia de dous puntos.
Cristóbal Juncal e Caco non completan o adestramento
Coa baixa segura de Adrián Gómez por sanción, a preocupación nas filas granates céntrase no estado físico dalgúns xogadores, como Caco e Cristóbal Juncal, que tiveron que retirarse antes de tempo da última sesión. O primeiro padece unhas molestias musculares na parte posterior do muslo, mentres o segundo segue a arrastrar dor no seu nocello dereito dende o partido en Vilalba. Malia todo, Milo Abelleira espera poder contar con ambos os dous futbolistas para o encontro do domingo en Pasarón ante o Narón.