Optimismo no Poio Pescamar ante o inicio da liga na Primeira División
Por Diego Espiño
Acabaron os experimentos para o Poio Pescamar, que este sábado 10 de setembro iniciará en Navarra unha nova tempada na Primeira División Feminina de fútbol sala, na cancha do UDC Txantrea de Pamplona.
As vermellas pecharon unha pretempada "bastante positiva", segundo a cualifica o seu adestrador Marcio Santos, "no sólo por los resultados sino por la implicación de las jugadoras".
O técnico móstrase optimista coas posibilidades do equipo no seu cuarto ano na elite, e a pesar de que sitúa como primeiro obxectivo asegurar a permanencia "canto antes", non esconde que a meta é real é seguir crecendo na máxima categoría e "intentar acabar entre las ocho primeras" pelexando por xogar a Copa de España.
Unha meta ambiciosa que comeza con "una salida complicada", a pesar de ser o Txantrea dun equipo recentemente ascendido, xa que Marcio cre que se trata de "un equipo a tener en cuenta".
Importante será empezar con tres puntos que "nos aporten tranquilidad" ante un "calendario complicado" durante o primeiro mes de competición.
A boa noticia para o preparador brasileiro é que non contará, salvo contratempo de última hora, con ningunha baixa e todo o plantel estará dispoñible para elaborar a primeira convocatoria oficial da tempada.