Conxura teucrista ante o inminente inicio de liga
Por Diego Espiño
A poucos días do inicio oficial da liga na División de Honra Prata, o vindeiro sábado 10 de setembro en Zamora, o Teucro fixo unha paréntese antes de centrarse no inicio oficial da tempada.
O técnico azul, Quique Domínguez, deu un merecido descanso ao plantel tras a consecución da Copa Galicia ante o Cangas, nun partido que "nos vino bien" polo que supón "ganar a un equipo de Asobal y un título a estas alturas", sinalou este luns o pivote brasileiro Johnny Medina.
A pesar diso o equipo pontevedrés arrinca a competición cos pés no chan, e sen querer falar directamente do obxectivo de ascender, aínda que o resto de clubs colócaos como un dos grandes favoritos.
"Tenemos que ser conscientes de lo que somos, una plantilla y un club que merece ascender, pero merecerlo en septiembre no te da nada", asegura Jorge Lloria, para quen o equipo chega ao comezo ligueiro "nun bo momento", a pesar de ser unha estrea "díficil e fóra de casa" o que espera ante o Zamora.
Ambos os xogadores charlaron este luns cos medios de comunicación antes de acudir co resto do equipo a Cuntis, onde celebraron unha comida de grupo, con xogadores e corpo técnico, e gozaron despois dunha tarde relaxada nas Termas.
FIXADA A DATA DA OPERACIÓN DE RIAL
A peor noticia teucrista esta pretempada foi a lesión de José Manuel Rial, que se produciu coa Selección Española Universitaria. O lateral pasará polo quirófano este mércores 7 de setembro por culpa dunha rotura no 'labrum' do ombreiro, unha cartilaxe que dá estabilidade á articulación.
A intervención terá lugar na Clínica Cemtro de Madrid baixo a supervisión dos médicos da Federación Española, que se fai cargo ao producirse a lesión nunha convocatoria oficial do equipo nacional. Rial estará preto de seis meses de baixa.
LONGA VIAXE NA COPA DO REI
O sorteo da primeira rolda da Copa do Rei, na que participan todos os equipos da División de Honra Prata en eliminatoria a partido único, estableceu que o rival do Teucro será o Amenabar Zarautz, nun choque que se disputará o 1 ou 2 de outubro no País Vasco. O Cisne pola súa banda recibirá no CGTD ao Covadonga.
Relacionadas:
-
Tropezo do Teucro en Zamora (23-21), vítima do seu desacerto en ataque
Por Redacción |
-
Todo listo no Teucro para debutar ante "uno de los grandes favoritos al ascenso"
Por Diego Espiño |
-
A operación de Rial, aprazada ata o luns
Por Redacción |
-
O Teucro proclámase contra prognóstico campión da Copa Galicia derrotando o Cangas (30-32) na final
Por Redacción |
-
Teucro e Cangas disputarán a final da Copa Galicia ao vencer o Cisne (27-26) e Xiria (24-21)
Por Redacción |
-
Saúl Campo, sobre a pretempada teucrista: "Buscamos sensaciones y creo que las estamos encontrando"
Por Diego Espiño |