Plácido triunfo do Pontevedra ante o Alondras en Copa Federación
Por Diego Espiño
Cómodo triunfo do Pontevedra en Cangas na primeira rolda de Copa Federación, na que se enfrontou ao Alondras (0-3). A segunda unidade dos granates ofreceu unha boa imaxe no Estadio do Morrazo dominando o encontro desde a primeira metade sen dar opción ao seu rival.
Luisito, pensando no choque do próximo domingo en Santander, aproveitou para dar minutos e oportunidades aos xogadores que menos actuaron ata o momento en liga. De feito só dous futbolistas titulares ante o Mutilvera en liga repetiron no once inicial en Copa: Portela e Álex González.
Ademais o Pontevedra xogou desde o inicio con Santi Canedo, Adrián, Bruno, Capi, Gonzalo, Miki, Mouriño, Mateu e Jacobo.
Estes dous últimos xogadores foron protagonistas na primeira metade, e en dous minutos, do 19 ao 21, deixaron encarrilado o choque. Primeiro foi Jacobo o que definiu cun remate acrobático para facer o 0-1, e pouco despois Mateu Ferrer sacou a relucir o seu olfacto de gol para plantarse ante Lorenzo tras un bo desmarque e definir á perfección.
Desde aí, pouca historia tivo o partido, co cadro pontevedrés controlando as tímidas reaccións locais.
Na segunda metade, coa chegada dos cambios (gozaron de minutos Jacobo Trigo, Bonilla, Mario Barco e Abel) o ritmo de xogo descendeu e o interese centrouse máis en asuntos extradeportivos. Primeiro pola falta de entendemento entre ambos os equipos polo número de substitucións permitidas na competición (cinco como defendía o Pontevedra) e despois pola expulsión de Luisito.
Co tempo xa cumprido Mario Barco, un dos máis activos durante a segunda metade, facía o definitivo 0-3.
Tras este triunfo, ao tratarse dunha eliminatoria a partido único, o Pontevedra avanza de rolda e enfrontarase en cuartos de final da fase galega de Copa Federación ao Ribadumia, que quedara exento por sorteo do primeiro cruzamento.
Relacionadas:
-
O Pontevedra segue adiante na Copa Federación ao vencer con autoridade ao Ribadumia (1-3)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Preocupación ante a nova lesión de xeonllo de Iker Alegre
Por Diego Espiño |
-
Un mal día na oficina do Pontevedra cústalle a derrota en Santander (2-0) ante o Real Racing
Por Redacción |
-
A repetir xesta no Sardinero
Por Ramiro Espiño |
-
Luisito, castigado cun partido de suspensión pola súa expulsión en Copa Federación
Por Redacción |
-
O partido do Pontevedra no Sardinero será televisado a través da web do Racing
Por Redacción |
-
Unha loita pola titularidade a base de goles
Por Diego Espiño |
-
O Racing presenta ao seu novo dianteiro antes de recibir ao Pontevedra
Por Redacción |
-
Sufrir para terminar goleando: O Pontevedra supera con claridade ao Mutilvera en cinco minutos de inspiración (3-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |