Portonovo estréase no tríatlon
Por Redacción
O vindeiro domingo 4 de setembro Portonovo gozará dunha xornada de tríatlon coa primeira edición do Tríatlon Boamorte, organizado polo Team Corbelo co apoio do Concello de Sanxenxo.
A proba conta cun formato similiar ás primeiras edicións do Tríatlon Rías Baixas, celebradas no municipio, pero nesta ocasión a saída e o epicentro da proba será a praia de Baltar.
Desde as 9:00 horas os deportistas afrontarán unha carreira deseñada en distancia olímpica (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de ciclismo e 10 quilómetros de carreira a pé) sen drafting, é dicir, sen a posibilidade de ir a roda no tramo de ciclismo.
Ademais da natación na praia de Baltar, o circuíto de ciclismo levará aos participantes ata a praia da Lanzada, mentres a carreira a pé terá como escenario o paseo marítimo de Portonovo.
A organización cubriu as 350 prazas dispoñibles para a primeira edición da carreira, presentada oficialmente este luns no Concello.