Bueu repite aposta co II Acuatlón de Santa Ifigenia
Por Redacción
A praia de Banda do Río, en Bueu, acollerá o próximo 17 de setembro a segunda edición do Acuatlón de Santa Ifigenia.
Organizado polo Club de Atletismo Corredoiras en colaboración da Comisión de Festas de Banda do Río e o Instituto Municipal de Deportes, a proba terá a súa saída na rúa Montero Ríos.
A competición, que combina carreira a pé, natación e de novo carreira a pé, desenvolverase desde a categoria alevín ata a cadete, con diferentes distancias en función da idade. Así os máis pequenos completarán 500 metros correndo, 200 nadando e outros 500 correndo, en categoría infantil as distancias soben aos 1.000, 400 e 1.000 metros respectivamente en cada un dos sectores, e na cadete ata os 1.500 metros de carreira, 500 de natación e de novo 1.500 metros de carreira a pé.
A organización pon un límite de 50 participantes por categoría, podendo formalizarse a inscrición para partir do luns 29 de agosto cunha folla de inscrición que pode descargar na web do Concello de Bueu.