A directiva do Galaico abona a nómina pendente aos adestradores da sección de Waterpolo
Por Diego Espiño
Este luns día 18 de febreiro o Natación Galaico abonou as cantidades pendentes de cobramento aos tres adestradores da sección de waterpolo, correspondentes á nómina do mes de xaneiro, pero este feito non calmou os ánimos entre os pais dos xogadores.
Despois de que o atraso motivase unha batalla dialéctica entre representantes da sección e pais de xogadores co presidente do Galaico, Alfonso Gallego, agora varios socios do club solicitaron por burofax á directiva documentación relativa ás últimas asembleas da entidade, nas que se acordou a cesión da administración na sección de waterpolo ao Natación Galaico e aprobouse o orzamento para o ano 2013.
Segundo este grupo de socios, a solicitude vén motivada por unhas declaracións do presidente na asemblea do 23 de novembro "onde manifestaba non ter determinados documentos que deben ser custodiados polo secretario do Galaico", cargo que desempeña actualmente Juan Torres.
Estes socios pediron tamén nese escrito coñecer a cifra actual de aboados do club.
O equipo sénior masculino, segundo na liga regular
A derrota do Waterpolo Galaico ante o Natación Coruña na última xornada da Liga Galega Absoluta Masculina de 1ª División condena aos pontevedreses ao segundo posto da clasificación a un punto do CW Santiago. Un empate tería servido ao Galaico para reter o liderado e ter vantaxe de campo nos play-off, nos que se enfrontará ao Coruña en semifinais ao mellor de tres partidos (2,9 e 16 de marzo).