La Vuelta Ciclista a España revoluciona Marín
Por Diego Espiño & Cristina Saiz
O paso de La Vuelta Ciclista a España pola comarca deixouse notar este luns coa saída desde Marín da terceira etapa da carreira.
Unha multitude de afeccionados acudiu ata as inmediacións da Praza de España para gozar da infraestrutura que leva a rolda por etapas e poder ver de preto aos mellores corredores do pelotón internacional.
Ademais dos postos publicitarios, o principal punto de atención estaba nas zonas reservadas para os autobuses de cada un dos equipos participantes. Desde alí saían un a un os ciclistas para pasar o control de firmas mesturándose cos afeccionados presentes e atendendo pacientemente á súa petición de fotografías.
Os máis perseguidos, os grandes nomes como o británico Chris Froome, o colombiano Nairo Quintana ou os españois Alberto Contador e Alejandro Valverde, entre outros.
Tras o corte de cinta das autoridades, entre as que se atopaban a alcaldesa María Ramallo ou o secretario xeral para o deporte, José Ramón Lete, o pelotón afrontou un percorrido neutralizado por Marín e puxo dirección a Pontevedra, onde se deu a saída lanzada á etapa en plena ponte da Barca.
Desde alí os ciclistas comezaron un percorrido de 176 quilómetros ata o miradoiro de Ézaro, en Dumbría, pasando antes por boa parte da comarca como Poio, Sanxenxo, Cambados, Vilanova ou Vilagarcía.