SOS do Teucro á cidade coa campaña "(Es un 10) Contigo, sempre Teucro"
Por Diego Espiño
"Ten que ser un éxito, se non o conseguimos o Teucro vaino ter difícil, será complicado soster o club nos próximos meses". Son as palabras de Carlos García-Alén, presidente do club, na presentación da campaña de apoio "(Es un 10) Contigo, sempre Teucro".
A entidade pontevedresa lanza un SOS á cidade en busca dos ingresos necesarios para cumprir cos comprisos da actual tempada e poder afrontar os pagamentos inmediatos unha vez sáiase do proceso concursal.
A busca destes apoios inspírase no "crowdfunding", é dicir, financiamento a base de pequenos investidores. Por 10 euros, cada persoa, comercio, empresa ou organización recibirá unha entrada conmemorativa válida para calquera partido da presente tempada e o seu nome incluirase á súa vez nunha camiseta especialmente deseñada para a ocasión.
A través desta iniciativa o Teucro intenta "trasladar a idea de que un pequeno esforzo por parte de moitas persoas pode ser o compromiso que o club necesita para seguir labrando a súa historia".
O obxectivo é recadar ata 40.000 euros e incrementar o número de afeccionados no Pavillón
A campaña complétase con accións, dende a próxima semana e ata o mes de abril, como mesas informativas na rúa ou reunións con institucións e empresas que teñen ou tiveron vinculación co Teucro.
Para asegurar unha maior presenza, a entidade asegurouse a colaboración de varios establecementos dende o primeiro día, onde os interesados poderán apoiar e inscribirse na campaña ademais de nas propias oficinas do club no Pavillón Municipal, tales como o Café Castelao, Bar Estadio, La Tortillita ou o Café Stratos, unha cifra de comercios que, se espera, aumenten co paso dos días.
Ao mesmo tempo, os interesados en participar poden recibir información na web www.teucro.com, no teléfono 986851696 ou ingresando directamente a cantidade nunha conta bancaria habilitada no Banco Galego (0046 0015 81 0025401047).
Os obxectivos principais da campaña son, nos económico, achegarse á cantidade de 40.000 euros recadados, e no social incrementar a afluencia de afeccionados ao Pavillón Municipal ata unha cifra próxima aos 1.000 espectadores, aumentando á súa vez o número de socios do club.