A Ría de Pontevedra recupera a súa regata máis emblemática
Por Diego Espiño
Chegou a ser unha das principais citas deportivas da cidade, que cada ano botábase á rúa a golpe do 15 de agosto coa súa regata máis emblemática, así como o resto da ría, que vestía as súas mellores galas co Trofeo Príncipe de Asturias de Piragüismo.
Son lembradas as batallas heroicas na ría entre as mellores embarcacións K-4 de seleccións, sempre cos húngaros como rivais a bater e os españois como aspirantes a todo, ademais da emoción que achegaban os clubs. Chegou a ser mesmo nunha das súas edicións Copa do Mundo de piragüismo maratón, pero cos anos a súa importancia foi diminuíndo á vez que a falta de axudas complicaban cada vez máis a súa organización.
Foi así como en 2012 a Federación Galega, para mantela con vida, optou por trasladala ao encoro do Pontillón do Castro, en Verducido, onde cun novo formato e só con clubs disputouse durante tres anos.
En 2015, xa baixo a denominación Trofeo Princesa de Asturias, a regata volveu ás augas abertas pero en Cangas, e agora, ao fin, volve ás súas orixes na que será a súa XXXIX edición.
As augas da ría de Pontevedra volverán acoller, cinco anos despois, esta competición. Farano o vindeiro luns 15 de agosto co formato tradicional e cunha regata de clubs.
A praia de Baltar, en Portonovo, acollerá a saída ás 11:30 das categorías K-4 masculino senior, junior e veterano, C-4 masculino senior e veterano e K-4 feminino senior. Pola súa banda ás mesma hora pero desde Combarro partirán os K-2 cadete masculino, C-2 junior e cadete masculino, K-2 junior e cadete feminino e C-2 senior, junior e cadete feminino.
Os participantes afrontarán porteos en Portonovo e Poio para avanzar cara ao interior da ría e concluír, como de costume, ante a ponte do Burgo, no que se prevé como unha festa de piragüismo autonómico.
Relacionadas:
-
O Trofeo Princesa de Asturias de piragüismo regresa á ría con máis de 400 deportistas
Por Redacción |
-
Piragüismo Vilaboa e Breogán do Grove levan o XXXIX Trofeo Princesa de Asturias
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
O Princesa de Asturias de Piragüismo pechará a ponte do Burgo o luns 15
Por Redacción |