A Galicia olímpica, recollida nun libro do xornalista Álvaro Alonso
Por Redacción & Mónica Patxot
O xornalista Álvaro Alonso presentou este xoves en Pontevedra o seu libro, Galicia Olímpica (1996-2016), un percorrido pola historia dos deportistas galegos que conseguiron participar nuns Xogos Olímpicos entre Atlanta 1996 e Londres 2012.
Na presentación, que tivo lugar na Librería Baroja, Alonso estivo acompañado dun destes olímpicos, o arousán Antón Paz, ouro en Pequín 2008.
O libro está composto por vinte e sete relatos que teñen a súa semente nas voces dos corenta e oito deportistas que o protagonizan, entrevistados un a un para coñecer de primeira man as súas biografías. As vivencias, os resultados, os primeiros pasos e as anécdotas de cada un deles son os ingredientes que conforman esta obra.
O autor lembra que as súas vidas foron relatadas no seu día por numerosos medios de comunicación e que, co paso dos anos, foron quedando no esquecemento. A obra pretende así recuperar dunha forma amena e orixinal ás figuras que fixeron vibrar ao público no últimos vinte anos.
Foron en total máis de corenta horas de conversación con estes deportistas nunhas entrevistas que foron realizadas en exclusiva para a elaboración do libro. Do mesmo xeito que os relatos, que contan co visto e prace dos seus protagonistas, cuxas carreiras deportivas son un verdadeiro tesouro para o deporte galego.