Oscar Chalupsky, gañador da primeira edición da Ocean Race de Ons
Por Redacción
O padeeiro surafricano Óscar Chalupsky foi o triunfador dunha nova proba deportiva celebrada en augas das Rías Baixas, a Ocean Race de Ons.
Os participantes tiñan que completar o percorrido entre a praia de Melide de Ons e o porto de Aldán. Chalupsky encabezou a regata desde a liña de saída ata o final da proba. Acompañárono no podio Adrian Carpente do Náutico Cambre e Breogan Monteagudo do Naval de Pontevedra na categoría elite.
David Caride do Club de Mar Ría de Aldán levou a vitoria na categoría máster, entrando en meta por diante do pontevedrés do Naval de Pontevedra José del Valle que foi segundo, o terceiro posto foi para o padeeiro do Club Náutico Pontecesures José Angel Tarrío.
As medallas restantes serían para Mauro Prieto e Cristian Chapela do Náutico Rodeira na categoría SS2, a segunda praza foi para Juan Gago e Jesús Dacosta do Club de Mar Ría de Aldán e terceiros a embarcación formada por Carlos Besada e Ignacio G. Dobarro.
Na categoría mixta o podio foi integramente para os padeeiros do Ría de Aldán, o primeiro K2 foi para Carmela Menduiña e Pedro Reguera, segundos foron José Besada e Jesica Moleda e terceiros Arturo Iglesias e Antía Martínez.
Unhas 150 persoas viron a proba desde as embarcacións de seguimento.
A organización do evento xa está a pensar na súa segunda edición para o ano próximo.