Oito equipos de España e Portugal participarán en Bueu no 'I Torneo de Balonmán' de veteranos
Por Redacción
A vila de Bueu acolle o vindeiro sábado, 30 de xullo, o 'I Torneo de Balonmán' de Veteráns, organizado polo Concello de Bueu e o Bueu Atlético Balonmán, e no que participarán oito equipos de España e Portugal.
Membros do Bueu Atlético Balonmán presentaron o evento á prensa en compañía de Manolo Otero, concelleiro de deportes de Bueu, no Pavillón Municipal Pablo Herbello. Concretamente competirán en partidos de 25 minutos de duración o Gongomar Cultural, de Portugal, o C. BM. V.V. La Salle, de Valladolid, o Balonmán Lalín Veteráns, de Galicia, o CDS Bernardo Aveiro, de Portugal, o ADC Balonmán Feneume, de Galicia, o BM. Corvera, de Asturias, o BM. Lucus Veteráns e o Veteráns Bueu Atlético Balonmán, de Galicia.
Salvador Torres, presidente do Bueu Atlético Balonmán, destacou que é "unha oportunidade de organizar un evento nunha disciplina na que levamos participando moito tempo”. Manuel Otero, pola súa banda, fixo referencia á labor do deporte como unión e mecanismo de convivencia facendo fincapé en que “esta xornada fomentará o compañeirismo, o entretemento e a convivencia".
A xornada culminará cunha cea de todos os equipos participantes e unha visita á illa de Ons.