O Ponte Caldelas aposta polo fútbol feminino
Por Redacción
Un torneo de fútbol-7 mixto, o próximo 9 de xullo no campo municipal Chan da Barcia, servirá de presentación do novo equipo feminino da Sociedade Cultural e Deportiva Ponte Caldelas.
O equipo feminino, que comezará a súa actividade na segunda categoría da Liga Galega, nace co obxectivo de que "as rapazas que queiran xogar ao fútbol non teñan que desprazarse", sinalou o alcalde da localidade, Andrés Díaz, tras reunirse con directivos do club e xogadoras.
A iniciativa conta xa con 25 futbolistas apuntadas, aínda que o a SCD Ponte Caldelas mantén aberta a campaña de captación.
A intención da entidade deportiva é que as nenas do municipio poidan integrarse nas categorías de base, dentro da Escola Municipal de Fútbol, para a partir dos 14 anos pasar a formar parte do equipo senior.
O torneo de presentación contará con equipos mixtos, cun mínimo de tres mulleres, e premios de 200, 100 e 50 euros para os tres primeiros clasificados.