David Navarro e Alberto Abalde, xogadores de ACB para o campus de baloncesto do Estudiantes
Por Alejandro Espiño
Promover a práctica deportiva e unha actividade física saudable e formar aos nenos en valores. Son os obxectivos cos que o Club Baloncesto Estudiantes Pontevedra organiza dous novos campus de verán.
A terceira edición do Campus de Baloncesto desenvolverase do 25 ao 31 de xullo nas instalacións do colexio de Los Sauces. Farao con novidades. Por unha banda, pasará a ser unha actividade bilingüe en inglés; e por outro, poñerá unha maior énfase na promoción do baloncesto feminino.
O seu director técnico será Chiqui Barros, un adestrador de longa traxectoria no baloncesto feminino. Estará á fronte dun equipo no que colaborarán, entre outros, os xogadores de ACB David Navarro e Alberto Abalde, do Andorra e o Joventut respectivamente; ou os responsables da canteira de equipos como o Obradoiro ou o Basket Coruña.
A eles sumaranse adestradores estranxeiros que están afincados en España e que impartirán as súas charlas en inglés. Haberá ademais visitas puntuais doutros técnicos de ACB como Víctor Pérez (Obradoiro) ou Diego Ocampo (Estudiantes).
Ademais, o II Campus Urbano Multideporte, que se celebrará no IES A Xunqueira I, terá este ano tres quendas: do 27 de xuño ao 2 de xullo, do 4 ao 9 de xullo e do 1 ao 6 de agosto. Neste caso, está destinado a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos.
Nel, ademais de técnicas deportivas e de actividades para estimular as habilidades motrices, os participantes recibirán educación en valores de convivencia e respecto, traballando en grupo en materias de integración.
Para máis información actividades@estudiantespontevedra.com ou a páxina web estudiantespontevedra.com.