Claro triunfo de Lucía Vázquez no XCO Cidade de Matosinhos
Por Redacción
Gran fin de semana de Lucía Vázquez en Portugal. A biker de Vilaboa, tras o seu segundo posto en Lordelo, subiu ao máis alto do podio no 12º XCO Cidade de Matosinhos. Esta vitoria reforza a moral da pontevedresa para os seus obxectivos máis inmediatos, o Campionato de Galicia do próximo sábado e o Campionato de España en xullo.
A corredora do Maiatos/Reabnorte soubo adaptarse ás características dun circuíto atípico na modalidade de cros country olímpico. "Era moi curto, case non chegaba aos 3 quilómetros, e atravesábase un parque. Resultaba moi ratoeiro e técnico", describiu Vázquez, que era a gran favorita na liña de saída e cumpriu cos prognósticos.
Despois de dar seis voltas en pouco máis dunha hora ao trazado situado na localidade de Matosinhos, a vixente campioa de Galicia presentouse na liña de meta con marxe suficiente para celebrar a vitoria. O segundo posto ocupouno a lusa Rita Vigário (Quinta das Arcas) e o terceiro o seu compatriota Susana Santos (ASC Focus Team).
"O meu arrefriado mellorou e mentaliceime en marcar un ritmo e non cometer fallos nin sufrir caídas. O obxectivo era gañar e aproveitar esta carreira para facer un adestramento de calidade", valorou Vázquez.
Tras as dúas carreiras desta fin de semana, o seguinte reto da actual líder da Taça de Portugal será revalidar o vindeiro sábado na localidade pontevedresa de Poio o título autonómico de XCO, unha coroa que a vilaboense conseguiu dez veces ao longo da súa carreira.