Lucía Vázquez logra o segundo posto na cita portuguesa de Lordelo
Por Redacción
Lucía Vázquez arrincou o seu dobre compromiso deste fin de semana en terras portuguesas subindo ao podium. A corredora galega do Maiatos/Reabnorte ocupou a segunda posición no "II XCO Lordelo", proba valedoira para o campionato rexional do Porto. A vitoria foi para a estoniana Maaris Meier (ProRebordosa).
“Se me hizo dura porque no tenía cuerpo para competir”, revelou a vilaboense, que correu lastrada por un arrefriado nun circuíto moi curto. Desde o inicio, Meier asumiu o mando da carreira e Vázquez quedou cortada tendo dificultades para ir superando rivais.
“La cabeza, el pecho y el malestar general me impedían continuar con el ritmo alto cuando intentaba apretar”, afirmou a actual líder da Taça de Portugal. A pontevedresa soubo cambiar o chip tras comprobar que o primeiro posto ía resultar inalcanzable: “Vi que mi cuerpo no estaba para luchar y me mentalicé para pelear por la segunda plaza”. Finalmente, Vázquez acabou superando nese pulso á lusa Rita Vigário (Quinta dás Arcas).
O subcampeonato do Porto deixou un sabor agridoce á biker galega porque “me hubiese gustado luchar por la victoria con Maaris, pero en este momento es lo que me toca”. Á espera de experimentar unha leve melloría no seu estado de saúde, a corredora de Vilaboa volverá poñerse un dorsal este domingo en Portugal e estará na liña de saída do "XII XCO Cidade de Matosinhos".