Final cruel para o Teucro, que consuma en Cangas o seu descenso (26-26)
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Un gol de Alen Muratovic para o Cangas a falta de catro segundos para o final condenou ao Teucro ao descenso despois dun partido emocionante e moi disputado.
Foi un final cruel e inmerecido para un equipo pontevedrés que se baleirou na pista do Gatañal e mantívose sempre no partido, sabedor de que dependía tamén dunha derrota do Ángel Ximénez de Puente Genil para chegar con vida á última xornada de liga. Finalmente tampouco se cumpriu esa premisa a pesar de que o Go Fit dominou o encontro ante os andaluces, que terminaron empatando tras remontar catro tantos nos minutos finais.
O primeiro era un triunfo en Cangas, antes de pensar no partido que se xogaba á mesma hora en Santander, e o Teucro saltou á pista sabedor de todo o que se xogaba. Demostrouno cun parcial de saída de 2-5 que fixo dubidar a Pillo no banco dos do Morrazo, pero xusto cando o adestrador local ía solicitar tempo morto o seu equipo comezou a carburar.
Con moita rapidez na circulación de ataque os locais lograban voltear o marcador antes do ecuador do primeiro tempo (8-7). Foron momentos complicados para o Teucro, do mesmo xeito que no tramo final do primeiro acto, pero Amérigo desde a portería e Rial no lanzamento (5 goles na primeira parte) mantiveron aos pontevedreses no partido.
Un tanto de Muratovic case sobre a bucina poñía dous goles de renda ao descanso (15-13). Era un adianto do que o veterano xogador repetiría ao final do choque.
O intermedio sentou ben ao Teucro, que deixou atrás certo nerviosismo e non só igualou con rapidez senón que volveu mandar no electrónico (17-18). Comezou entón unha fase de igualdade, caracterizada pola intensidade defensiva de ambos, que fixo que as alternativas fosen constantes pero sen que ninguén conseguise máis dun gol de renda.
Así se chegou ao fatídico e tolo último minuto. Un intercambio de goles rápidos deixaba o choque en táboas (25-25). Faltaban só 42 segundos, o balón era do Cangas que solicitou tempo morto, e o resultado non lle valía aos pontevedreses. Os locais atacaron entón perdendo o balón e na contra os colexiados sinalaron sete metros. Carlos García non fallou para poñer o 25-26 cando só restaban 18 segundos.
A tensión era insoportable no banco teucrista, que rozaba cos dedos o triunfo ata que nunha rápida transición Muratovic conseguía o empate para desesperación dos de Quique Domínguez. Tentaron os xogadores teucristas sacar con rapidez e chegaron a marcar, pero a xogada foi invalidada polos colexiados para maior desgraza dun equipo que se despediu da liga Asobal coa cabeza alta e facendo honra ao alcume de 'guerreiros'.
BM CANGAS (26): Lamariano, Simes (3), Suso Soliño (4, 1p), Cerqueira (5), Rosales (1), Muratovic (5), David García (5) -siete inicial- Fernando Eijo, Krook, Da Costa (2), Salazar, Pousada, Rubén Soliño (1p).
SD TEUCRO (26): Amérigo, Balenciaga (3), Víctor Rodríguez, Carlos Gehrhardt, Rial (8), Dani Hernández (1p), Edu Moledo (5) -siete inicial- García Pichel (1), Chapela, Iván Fernández, Carró (1), Carlos García (7, 6p), Román Pedreira, Arkaitz.
Árbitros: Merino Mori e Moyano Prieto. Excluíron a Da Costa, Cerqueira (2), Fernando Eijo e Rosales no Cangas e a Carró, Balenciaga e García Pichel no Teucro.
Parciales: 2-3, 5-6, 8-8, 10-9, 12-11, 15-13, descanso, 17-16, 17-18, 20-19, 21-21, 23-23, 26-26.
Incidencias: Partido disputado no pavillón do Gatañal ante máis dun milleiro de espectadores, moitos deles chegados desde Pontevedra.
Relacionadas:
-
75 anos respirando ilusión de cor granate
Por Diego Espiño |
-
Despedida coa cabeza alta do Teucro vencendo (33-30) ao Bada Huesca
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Teucro, a "regalarle una victoria a la afición" na súa despedida de Asobal
Por Diego Espiño |
-
Primeiros pasos do Teucro na planificación da próxima tempada
Por Diego Espiño |
-
O Teucro agárrase á Asobal e esixirá o descenso do Guadalajara por unha débeda
Por Diego Espiño |
-
Primeiro 'match ball' para o Teucro en Cangas
Por Diego Espiño |
-
ENCE converterase no patrocinador principal do Teucro
Por Diego Espiño |
-
Anaitasuna derrota o Teucro (33-29) e deixa a permanencia azul case imposible
Por Redacción |