A Carreira Pedestre de Campañó reinvéntase mantendo a súa esencia "rompepernas"
Por Diego Espiño
Cambio de data e tamén de percorrido, pero coa mesma esencia. Así se presentou este mércores a novena edición da Carreira Pedestre de Campañó, segunda proba do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra que se disputará o vindeiro sábado 28 de maio.
Nesta ocasión a organización decidiu variar o percorrido, que pasa a ser de 7.650 metros (2.000 menos que o do pasado ano) pero mantendo a súa característica de "rompepernas", asegurou José María Domínguez, representante da Asociación Cultural e Deportiva de Campañó.
Este cambio supón eliminar a temida costa do cemiterio, pero inclúense outros desniveis nun circuíto ao que se dará tres voltas con saída e chegada no Campo da Festa.
Pese ao cambio de data a participación mantense estable con respecto a outras edicións, con medio milleiro de atletas confirmados para a carreira absoluta, ao que hai que sumar os deportistas que tomen parte nas categorías inferiores.
Precisamente os menores de idade serán os primeiros en competir, desde as 17:45 horas, dando paso ás carreiras nas diferentes categorías ata a absoluta, prevista para as 18:45 horas.
Os dorsais poderán recollerse o mesmo día da carreira no Hotel Campaniola, desde as 12:00 ata as 17:45 horas.
Relacionadas:
-
Pablo Dapena e Leticia Fernández reinan en Campañó
Por Diego Torrado |
-
O ceo deu unha tregua e Monte Porreiro botou a correr
Por Diego Torrado |
-
Salcedo bótase a correr coa VIII Carreira Pedestre de San Brais
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Abre o prazo de inscrición para o IV Circuíto de Carreiras Populares
Por Redacción |