Sanxenxo seguirá sendo a base do equipo español de vela oceánica ata 2015
Por Alejandro Espiño
Sanxenxo seguirá tendo un papel fundamental no traballo do equipo español de vela océanica. O Porto Deportivo Juan Carlos I seguirá sendo a súa base ata 2015. Así se recolle no documento asinado entre a alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, e Pedro Campos en representación do proxecto, denominado VOR 2008.
"O convenio subscrito entre Nauta Sanxenxo e VOR 2008 é unha colaboración estratéxica que redundará positivamente na economía local polos beneficios que traerá ter aloxados no municipio aos equipos que prepararán estas importantes competicións e polo que suporá en canto á promoción deste destino a nivel nacional e internacional", explicou Catalina González.
E é que, tal e como recolle o documento asinado entre ambos, o municipio dispón de inmellorables condicións naturais ao estar situado xunto ao Océano Atlántico pero nas Rías Baixas e, á súa vez, Nauta Sanxenxo conta cunhas instalacións técnicas de primeira orde idóneas para albergar esta actividade.
En virtude deste convenio, a empresa pública de xestión do Porto Deportivo cederá a VOR o espazo necesario para as súas embarcacións, consistentes nunha zona para a base, a instalación de liñas no varadeiro para os contedores técnicos, a oficina e o acceso a internet, o atraque para os barcos que estarán adestrando durante a preparación da próxima Volta ao Mundo, é dicir, dous Volvo Open 70 e un crucero de 35 pés, acceso e iluminación do varadeiro e uso do travel-lift.
A cambio de contar co espazo necesario para as súas embarcacións, VOR manterá o logotipo de Sanxenxo nos seus barcos
Pola súa banda, VOR estará obrigado ademais de indemnizar os posibles danos e prexuízos que puidese causar nas instalacións ou a terceiros, entre outras cuestións relacionadas coa seguridade, a manter a presenza do logotipo dp Concello de Sanxenxo nas súas embarcacións.
De feito, o VO70 Mapfre que soltou amarras hoxe en Palos de la Frontera para intentar establecer un novo récord sobre a Ruta do Descubrimento de Colón con Fernando Echávarri e Iker Martínez a bordo, xa loce no seu casco o logotipo do Concello de Sanxenxo.
"O feito de que o noso nome, que é o máis valioso que temos os veciños e veciñas deste municipio, estea asociado a unha xesta desta relevancia protagonizada por grandes regatistas entre os que se atopan olímpicos é algo dunha importancia incuantificable", subliñou Catalina González, quen recordou que "a imaxe de Sanxenxo no Desafío Mapfre está equiparada á dos grandes patrocinadores desta iniciativa grazas a este acordo".
A tripulación do Mapfre partiu de Palos de la Frontera (Huelva) para dirixirse a La Gomera -illa na que Cristóbal Colón desembarcou a todos os seus homes durante 28 días e última terra española que pisaron antes do descubrimento do novo continente- deixando Las Palmas de Gran Canaria por estribor. Posteriormente, a embarcación introducirase no Atlántico para percorrer as máis de 3.100 millas que a separan do seu destino, San Salvador (Bahamas) onde chegará o logo do Concello de Sanxenxo.
Ademais disto, a sociedade de xestión do porto deportivo disporá dos dereitos de imaxe sobre os barcos e instalacións do equipo, que poderá utilizar para a promoción turística do municipio, polo que terá a posibilidade de realizar sesións fotográficas e de vídeo cando o considere necesario.
Os antecedentes deste acordo apuntan aos beneficios económicos que conleva para este destino constituír base permanente do equipo español que gasta unha media anual de máis dun millón de euros, como apunta Pedro Campos, distribuídos en sectores como alimentación, hostelería, persoal, material, pezas de vestir, ferretería, taxis, entre outros.
"Non debemos esquecer a transcendencia mediática de que estes equipos adestren en Sanxenxo e a promoción que para a nosa marca supón estar asociada a unha actividade deportiva de alcance internacional", apuntou a rexedora.