'Oldman, o último triatleta': a historia do pontevedrés Manuel Cruces
Por Diego Espiño
Dermatólogo de profesión pero deportista de corazón, por encima de todas as adversidades. Así é Manuel Cruces, un dos pioneiros do tríatlon en Galicia e cuxa historia se propón agora contar o seu fillo, o xornalista Antón Cruces.
'Oldman, o último triatleta' é un proxecto audiovisual que pretende contar tres historias nunha: a humana e de superación persoal, a deportiva e a dos impulsores do tríatlon en Galicia.
O pontevedrés Manuel Cruces foi un dos "valentes", como o define o seu fillo, que a finais dos anos 80 fundou o club Panoramix Tríatlon, apostando por un deporte que poucos coñecían e menos practicaban nunha terra que agora presume de pentacampión mundial.
A súa paixón levoulle a superar un grave atropelo en 2005, que lle fracturou a cadeira e empuxáballe a deixar o deporte, entre outras cousas por consellos da súa familia. Non fixo caso, seguiu adestrando duro, sen perder a ilusión e nin a idade freoulle para recuperarse dous anos despois e volver á competición. Poucos sospeitaban que estaba por chegar o seu gran éxito, o subcampionato do Mundo de longa distancia en categoría veterana do ano 2012, en Vitoria, que adorna agora un amplo palmarés.
Foi fonte de inspiración de moitos triatletas, e de feito grandes nomes como Javier Gómez Noya, Iván Raña, Saleta Castro ou David Castro confirmaron a súa participación no documental.
Pero para que sexa posible, Antón Cruces puxo en marcha unha campaña de microfinanciación a través da plataforma Verkami en buca de 7.000 euros que permitan unha viabilidade económica ao proxecto. O inicio foi esperanzador, pero falta un empuxón para permitir inmortalizar a historia dun auténtico pioneiro.