Sanxenxo aposta por repetir a Cool Run
Por Redacción
Despois de vivir o pasado verán unha divertida xornada deportiva, cunha participación superior aos 700 corredores, Sanxenxo aposta por repetir experiencia coa Cool Run.
A proba deportiva celebrarase o sábado 25 de xuño en horario nocturno, para ofrecer un maior contraste coa colorida iluminación e a maquillaxe fluorescente dos participantes que caracteriza o evento.
Serán en total 5 quilómetros de percorrido nun circuíto comprendido entre o Porto Deportivo Juan Carlos I e o Paseo de Silgar, con canóns de escuma, máquinas de fume, leds, zumba ou Dj's coa mellor música actual completando a xornada deportiva.
As inscricións inclúen dorsal, camiseta e mochila do corredor co logo de Cool Run que brilla na escuridade, ademais de varios elementos luminosos que servirán de complemento á maquillaxe fluorescente que decorará o rostro de cada participante. O prezo das mesmas será de 15 euros, cun desconto de 5 euros co Carné Xove, e poden formalizarse a través da web www.coolrun.es.