Os Xogos Olímpicos pasan por Trasona para o piragüismo pontevedrés
Por Redacción
As opcións do piragüismo pontevedrés por estar nos Xogos Olímpicos de Río de Janeiro póñense en xogo no encoro asturiano de Trasona.
Alí disputarase desde este xoves o último control selectivo da Federación Española de Piragüismo, o que decidirá as últimas prazas no equipo nacional para o preolímpico que se disputará a finais de maio na localidade alemá de Duisburg.
En Alemaña deberán pelexar pola clasificación, pero antes deben impoñerse en Asturias aos seus rivais nacionais.
Nesa situación están, por exemplo, os padexeiros do Poio Pescamar Adrián Sieiro e Sergio Vallejo no C-1 1.000 metros, do mesmo xeito que Diego Romero (Breogán do Grove), un dos favoritos nesta distancia.
O pontevedrés Álvaro Fernández Fiuza buscará pola súa banda o pase ao preolímpico no K-2 1.000 metros xunto ao cangués Carlos Pérez 'Perucho'.
No selectivo tamén competirá Natalia García (Breogán) no K-1 500 metros, distancia na que terá como principal rival á única padeeira galega clasificada ata o momento para os Xogos, Teresa Portela (Ría de Aldan), que xa ten billete olímpico no K-1 200 metros.
Pola súa banda no C-2 Sub-23 Sergio Vallejo e Álex Fernández (Piragüismo Poio) parten como favoritos na súa categoría.