As expulsións, un lastre para o Pontevedra
Por Diego Espiño
A boa tempada do Pontevedra está a verse escurecida nas últimas xornadas cunha xeira negativa de cinco encontros sen gañar que lles fixo afastarse da quinta praza.
Con todo os resultados das últimas semanas non se deberon exclusivamente a erros do equipo, xa que os granates tiveron que afrontar moitos minutos en inferioridade numérica en dous encontros, ante Valladolid B e Sporting B.
A rigurora expulsión de Campillo ante o filial valisoletano, aos 26 minutos, condicionou o choque deste domingo en Pasarón, do mesmo xeito que na xornada 33 cando Borjas viu un cartón vermello ante o Sporting B. Nesa ocasión a segunda amarela seríalle retirada polo Comité de Competición evitando a sanción, pero a inferioridade impediu ao equipo pasar do empate cando buscaba o gol da vitoria.
O Pontevedra sufriu unha expulsión nun de cada catro partidos de liga
A situación repetiuse en exceso este curso, e é que o Pontevedra xogou un de cada catro partidos de liga cun futbolista menos. En nove choques, das 36 xornadas disputadas, concluíu con 10 xogadores tras sufrir unha expulsión.
Esta situación repercutiu na puntuación do equipo, que só conseguiu rabuñar seis puntos nestes encontros, cun triunfo ante Peña Sport (xornada 12) e empates ante Compostela (xornada 5), Lealtad (xornada 23) e Sporting B (xornada 33). Nesta circunstancia perderon ante Guijuelo (xornada 1), Cacereño (xornada 2), Compostela (xornada 24), Logroñés (xornada 30) e Valladolid B (xornada 36).
Nalgúns casos, como en Santiago de Compostela, a expulsión chegou co choque decidido, pero noutras foi determinante, como nas primeiras xornadas de liga en Guijuelo e ante o Cacereño en Pasarón.
O futbolista que máis cartóns vermellos viu esta campaña é Campillo con tres, seguido de Pablo Carnero con dous, mentres Capi, Pablo, Kevin Presa e Borjas foron expulsados nunha ocasión.
Relacionadas:
-
César Ramos frea de novo ao Pontevedra cun grave erro que impide o seu triunfo en León (0-0)
Por Redacción |
-
A Copa pasa por León e o árbitro do Mensajero
Por Diego Espiño |
-
A rigorosa expulsión de Campillo lastra a un valente Pontevedra fronte ao Real Valladolid B (1-2)
Por Ramiro Espiño & Mónica Patxot |