Seis medallas para Mat's, Mace Sport e Taekanart no Campionato de España Cadete e Sub-21
Por Redacción
Os clubs de taekwondo de Marín e Pontevedra regresan do Campionato de España Cadete e Sub-21 disputado durante a fin de semana en Valencia cun botín de seis medallas.
A máis importante de todas elas foi a lograda polo marinense Pablo Fernández (Mat's) na categoría de -87 quilos sub-21. Conseguiu a medalla de ouro ao vencer na final ao catalán Álex Mas, conseguindo premio dobre ao clasificarse para o próximo Campionato de Europa da categoría.
Na competición sub-21 tamén subiu ao podio, cun bronce, a pontevedresa Jessica Blanco (Mace Sport) en -57 quilos, que perdeu en semifinais coa representante de Andalucía.
En idade cadete foron catro as preseas, empezando polo ouro de David Rodríguez (Taekanart) ao gañar na final a Héctor Benito (Deportivo Olimpo).
Pola súa banda Oihana Gallego (Taekanart) conseguiu a prata en -44 quilos, do mesmo xeito que Noh Pereira (Mat's) en -61 quilos, mentres Nerea Piedras (Taekanart) colgou o bronce en -33 quilos.