O Céltiga achégase ao ascenso, o Portonovo respira e o Unión Grove roza a permanencia
Por Redacción
Importante paso do Céltiga cara o ascenso vencendo a domicilio ao Domaio (0-3) e aproveitar o tropezo do que era o seu inmediato perseguidor, o Gondomar.
Os da Illa dominaron o encontro pero só lograron adiantarse cun gol en propia meta á media hora. Xa na segunda parte, un dobrete de Diego Silva sentenciou o choque. Agora o Céltiga, segundo, conta con tres puntos de vantaxe sobre o terceiro, o Porriño Industrial.
Pola parte media-baixa da táboa o que roza a permanencia é o Unión Grove, undécimo con 46 puntos tras gañar fóra de casa ante o Monterrey (0-2) grazas a dous goles de Diego Lorenzo.
O cadro meco conta con cinco puntos de vantaxe sobre o Lalín, que marca a praza de arrastre, despois de que o equipo dezano vencese en Baltar de Arriba a un Xuventú Sanxenxo que se mete en problemas (1-4).
Os amarelos víronse superados con claridade nun partido marcado pola expulsión de Cristóbal Domínguez aos 23 minutos. O Lalín aproveitou o penalti cometido polo defensor para adiantarse e a partir de aí mostrouse superior ao seu rival. O Sanxenxo é agora decimocuatro con 44 puntos, con tres de vantaxe sobre o seu rival deste domingo.
Cos mesmo puntos está o Portonovo, que colleu un pouco de aire ao gañar a domicilio ao Alertanavia (1-2). Buba puxo en vantaxe aos arlequinados aos 21 minutos, empataron os locais na continuación e Nacho, nos último minutos, deulle tres importantes puntos ao seu equipo co definitivo 1-2.