Guille Rial rescata un punto de ouro para o Cisne nun final de infarto ante Barcelona B (33-33)
Por Ramiro Espiño
Empatou o Cisne un partido que tivo perdido durante moitos minutos, pero que puido mesmo gañar na recta final ante un Barcelona B que non regalou nada. Guille Rial conseguía sobre a bucina o tanto que daba un punto de ouro ao conxunto pontevedrés na súa loita pola permanencia, nun final de infarto que fixo vibrar aos afeccionados que enchían a bancada do CGTD.
Os locais case entregan o partido nuns 20 minutos iniciais absolutamente esvaecidos. Coma se saísen convencidos de que a superioridade azulgrana facía inalcanzable puntuar, o permanente desaxuste defensivo permitía ao equipo catalán superar con facilidade a débil defensa branca, incapaz de tapar a conexión da primeira liña cos homes que circulaban sen oposición polos seis metros.
Como consecuencia o Barcelona B escapouse cunha vantaxe que chegou a ser ata de seis goles (7-13) no minuto 17, diferenza que se repetiría (10-16) a falta de cinco minutos para o descanso.
Xusto nese momento produciuse a reacción do Cisne, que fixo un parcial de 4-0 non só para meterse no partido, senón para convencerse de que podía competir. Os cataláns frearían esa reacción cun gol na súa última acción ofensiva, para irse ao descanso tres arriba (14-17).
A segunda parte non puido ser máis emocionante. O Cisne subiu a súa intensidade defensiva e o Barcelona B respondeu cunha madurez pouco habitual para xogadores tan novos, pero que demostraron a súa calidade.
Deste xeito as vantaxes mantivéronse sempre entre un e tres goles, ata que o equipo local, empuxado polo seu público, tivo tres acciones defensivas de enorme mérito, culminadas cun gol de Álex Chan que significaba o empate a 26, con 14 minutos por xogar.
Pablo Vidal poñía por primeira e única vez en vantaxe aos pontevedreses (29-28), obrigando ao técnico catalán a pedir tempo morto a falta de oito minutos e medio. Daniel Dujshebaev asumiu a responsabilidade ofensiva dos seus e con tres tantos consecutivos devolvía a vantaxe aos cataláns (29-31) cando restaba só catro minutos.
Parecía que ese estirón podía ser definitivo, pero o Cisne non se rendeu. Guille Rial e Álex Chan levaban un novo empate ao marcador (31-31) para entrar nos dous últimos minutos. Álvaro adiantaba outra vez ao Barcelona B e respondía Álex Chan, pero Aleix facía o 32-33, deixando só 29 segundos para un último ataque do Cisne, que ademais debía facelo en inferioridade, ao ser excluído Iago Cuadrado.
A falta de cinco segundos, Nano Martínez pide tempo morto. Prepara unha última xogada e Guille Rial resolve cunha penetración ata a liña de seis metros, conseguindo empatar e con iso un punto que deixa ao Cisne dependendo de si mesmo no transcendentais tres partidos que restan.
Consulta aquí o acta do partido.
Relacionadas:
-
O Cisne gaña con autoridade a 'final' a BM La Roca (36-29) e consegue a permanencia
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Cisne empata en Vigo (30-30) e defenderá a permanencia na última xornada ante BM La Roca
Por Redacción |
-
Perde o Cisne a súa final fronte a BM Nava (29-25) e necesita un milagre para conseguir a permanencia
Por Redacción |
-
O Campus Balonmán Pontevedra aspira a seguir crecendo na súa sétima edición
Por Redacción |
-
O Cisne complícase a permanencia ao caer en Zarautz (25-24)
Por Redacción |
-
Palma del Río aproveita a debilidade defensiva do Cisne (33-38)
Por Ramiro Espiño |