Cita co kaiak de mar en Cambados
Por Redacción
O piragüismo galego ten unha cita durante a fin de semana en Cambados coa disputa o domingo 1 de maio da terceira xornada da Liga Galega de Kaiak de Mar.
A cita reunirá no peirao de Santo Tomé a 274 deportistas de 27 equipos, repartidos nun total de 217 embarcacións.
A competición arrincará ás 11:00 horas coa saída das categorías xuvenil, senior e veteranos, na que os padexeiros afrontarán un percorrido de 10 quilómetros que se dirixirá cara á Illa de Arousa para dar a volta tras a ponte e retornar a Cambados.
Unha hora e media máis tarde, ás 12:30 horas, iniciarán a proba os participantes cadetes.
Tras dúas xornadas, a Liga Galega de Kaiak de Mar está liderada polo Club de Mar Ría de Aldán e Piragüismo Cambados (138 puntos) en categoría masculina e polo Breogán do Grove e Ría de Aldán, tamén empatados, na categoría feminina.