A Lama apúntase ás carrilanas
Por Redacción
A Lama vivirá o vindeiro sábado 30 de abril a emoción das carrilanas co I Campionato Galego de Carrilanas organizado pola Asociación San Cristóbal Santa Ana.
A organización espera a presenza de "entre 40 e 80" competidores nos seus particulares vehículos sen motor, explicou o presidente da asociación, David Cal.
O descenso celebrarase desde as 16:30 horas, cun percorrido dun quilómetro con saída no Monte do Feo, na estrada cara ás Ermitas, e finalizará no centro do núcleo urbano da Lama.
Será a primeira proba da Copa Galicia da Federación de Deportes de Inercia nunha divertida xornada que concluirá cunha churrascada e unha festa popular, segundo sinalaron desde a organización.
O campionato de carrilanas supón ademais un importante esforzo loxístico, coa verificación dos vehículos prevista para o venres e un amplo despregamento de seguridade durante o percorrido.