Festival de goles entre Céltiga e Sanxenxo mentres que o Villalonga mantense como líder
Xornada con novidades en Preferente Sur marcada, sobre todo, polo intenso duelo vivido entre o Céltiga e o Sanxenxo. O resultado de 6 a 2, favorable aos arousáns, reflicte o que foi un encontro onde brillaron os dous ataques e fallaron as defensas, saíndo a relucir demasiadas carencias. Con esta vitoria, o Céltiga adianta o Gondomar, situándose en prazas de ascenso directo mentres que o cadro amarelo mantense nos postos medios da táboa, ocupando a sétima posición.
Doutra banda, o Villalonga consegue manterse no liderado a pesar de deixarse dous puntos no campo do Valladares, empatando a un nun duelo que tivo como protagonista o balón parado e no que Cerqueiras conseguía adiantar aos celestes no minuto 10 da primeira parte.
Peor foi a cousa para o Portonovo, que viu como o Cultural Areas remontaba o partido na súa casa. O marcador final de 1-2 estivo marcado pola dobre amarela mostrada a Melchor no minuto 59 de partido e que botou ao traste os plans do conxunto dirixido por Guimeráns, que se adiantou nos primeiros compases de partido cun gol de Nacho. Deste xeito, o conxunto arlequinado atópase na 13ª posición da táboa, cunha escasa marxe respecto dos seus perseguidores.
Máis abaixo atópase o USD Grove onde o veterano dianteiro Nel, foi o gran protagonista da fin de semana cun hat-trick, na cómoda vitoria por 4-0 fronte ao Atios, que permite aos grovenses obter 3 puntos vitais na loita por evitar o descenso, unha batalla na que o Marcón deu un golpe sobre a mesa impoñéndose por 1-0 ao Domaio.
Relacionadas:
-
Empate entre Villalonga e Céltiga, triunfo do Grove e derrotas de Sanxenxo e Portonovo
Por Redacción |
-
Dobre celebración no Carrasco: unha voda e tres puntos que quedan na casa
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Unión Grove toma aire, Villalonga e Sanxenxo gañan e Céltiga recorta un punto ao segundo
Por Redacción |