Stefan, novo problema para Milo Abelleira
Por Diego Espiño
A enfermaría non remata de baleirarse no Pontevedra Club de Fútbol. Se esta semana o primeiro en caer foi Santi Domínguez agora foi outro dianteiro, Stefan, o que non completou a sesión por un forte golpe no nocello.
As primeiras impresións, tras ser valorado o xogador pola fisioterapeuta do clube, Nerea Videira, non son positivas e Stefan convértese en seria dúbida para enfrontarse o próximo sábado ao Racing Villalbés.
Milo Abelleira estará pendente do dianteiro, ao igual que da evolución de Santi Domínguez, con líquido nun xeonllo pero que espera poder recuperarse a tempo. Os futbolistas que si evolucionan favorablemente, a teor da última sesión preparatoria, son Sestelo e Moisés Pereiro, que parecen deixar atrás os problemas musculares que arrastraron as últimas semanas.
As previsións non son tan optimistas para Caco. O capitán, que se recupera dunha rotura de fibras, parece que terá que esperar unha semana máis para volver aos terreos de xogo ao seguir sen adestrar ao mesmo ritmo que os seus compañeiros.