O Arxil cae en Canarias e queda en terra de ninguén
Por Redacción
Adeus ás escasas opcións que aínda tiña o Arxil de pelexar na parte alta da táboa e repetir presenza no play-off de ascenso á Liga Feminina.
As pontevedresas perderon este sábado na cancha do cuarto clasificado, o Adareva tinerfeño (67-56), e quedan en terra de ninguén na clasificación, lonxe do descenso e a catro triunfos da cuarta praza.
O cadro verde notou a ausencia de Ana Román, pero plantou batalla e mantívose con opcións ata os últimos minutos.
Arrincou o Arxil con forza no primeiro cuarto, no que conseguiu unha importante vantaxe (12-20), pero as locais reaccionaron secando o ataque pontevedrés para recuperar a desvantaxe e ir ao descanso por diante (29-28).
Tras o intermedio as de Mayte Méndez, aínda que con problemas ofensivos, mantiveron o tipo e non foi ata o cuarto definitivo cando o Adareva sentenciou grazas en parte a que o Arxil chegou xusto de forzas por unha curta rotación.
Tras esta derrota o cadro verde queda na oitava praza da Liga Feminina 2 cun balance de nove vitorias e nove derrotas.
Consulta aquí as estatísticas do encontro.