Majadahonda priva da vitoria ao Poio Pescamar no último minuto (4-4)
Por Redacción
Unha vez máis se repite a historia e o Poio Pescamar deixa escapar un partido que tiña practicamente na man e con el a posibilidade de garantir virtualmente a permanencia na máxima categoría. As mozas de Basanta dispuxeron dunha vantaxe de tres goles ben avanzada a segunda metade, pero viron como o Majadahonda, máis necesitado dos puntos, deixáballes co mel nos beizos, igualando o marcador no últimos sete minutos e conseguindo o gol do empate a falta de escasos segundos para a finalización.
O Poio Pescamar comezou facéndose coas rendas ante un Majadahonda que se esforzaba en tarefas defensivas, tratando de conter o empuxe das galegas, que non conseguían perforar a portería local.
Co paso dos minutos, as madrileñas conseguían nivelar un tanto o dominio das visitantes, pero curiosamente sería cando chegasen os goles, os dous primeiros do Poio case seguidos. Jenny de cabeza no segundo pau abría o marcador, e Suki de falta directa, facía o segundo.
Un minuto despois, Elena en propia porta permitía ao Majadahonda recortar distancias, pero de dobre penalti xa nos segundos finais do primeiro acto, Suki establecía o 1-3.
Na segunda parte, o Majadahonda buscou equilibrar o partido, pero de novo o Poio acertaba na finalización para poñer o 1-4, por mediación de Charo, a porta baleira ao segundo pau.
Con todo perdido, o conxunto madrileño subiu a intensidade da súa presión en tres cuartos de cancha. Marta Mateo con dous goles consecutivos, o primeiro de disparo forte cruzado e o segundo desde cancha propia con Yarie adiantaba, daba esperanzas ás locais e xa metidos no último minuto chegaba o gol de empate, obra de Elena dentro da área, aproveitando un balón solto.
Aínda tería opcións o Poio de levar os tres puntos, xa que a expulsión de Marta Mateo permitía ás galegas dispoñer de superioridade numérica neses últimos segundos, pero non conseguiron sacar proveito dela.
MAJADAHONDA FSF (4): Lauri; Moni, Marta Mateo, Elena, Gaby -cinco inicial-, Marta Rodríguez, Arancha, Celia e Sara.
POIO PESCAMAR (4): Yarie; Yoli, Claudia, Elena, Jenny -cinco inicial-, Nere, Ale De Paz, Charo, Suki, Jessy e Pipi.
Árbitros: Fernando Núñez Galván e Mario Salinas Garcia (Madrid). Amoestaron a Elena, Moni, Celia e con dobre amarela a Marta Mateo (40') no Majadahonda, e a Charo e Suki no Poio. Expulsaron a Basanta, adestrador do Poio (31').
Goles: (0-1) Minuto 17: Jenny. (0-2) Minuto 18: Suki. (1-2) Minuto 19: Elena (en propia porta). (1-3) Minuto 20: Suki (dobre penalti). (1-4) Minuto 24: Charo. (2-4) Minuto 33: Marta Mateo. (3-4) Minuto 34: Marta Mateo. (4-4) Minuto 39: Elena.
Incidencias: Pavillón Municipal La Granadilla (Majadahonda-Madrid). Uns 100 espectadores.
Relacionadas:
-
O Poio Pescamar queda a un paso da remontada ante o Burela (4-5)
Por Redacción |
-
Óso duro para o Poio Pescamar na visita do Burela
Por Redacción |
-
Remontada incompleta do Poio Pescamar fronte ao Cidade de As Burgas (6-5)
Por Redacción |
-
O Alcorcón fai valer o seu poderío para impoñerse ao Poio Pescamar na Seca (1-3)
Por Redacción |
-
Os penaltis apartan ao Poio Pescamar da final da Copa Xunta
Por Redacción |