Amérigo, baixa inesperada dun Teucro "mentalizado" ante o importante partido contra o Go Fit Sinfín
Por Diego Espiño
"Conscientes y mentalizados para afrontar este tipo de partidos". Así afronta a Sociedad Deportiva Teucro a visita ao Pavillón Municipal dos Deportes dun rival directo pola permanencia, o Go Fit Sinfín (venres, 20:45 horas), segundo recoñece o seu adestrador, Quique Domínguez.
Os azuis xogan na casa despois de moitas semanas de ausencia e fano ante un equipo, o cántabro, en forma tras sumar o últimos oito puntos en liza e "peligroso cuando está cómodo en la pista".
O Teucro deberá sobrepoñerse ademais á baixa inesperada do seu gardameta Ricardo Amérigo, que se atopa en Almería debido ao falecemento do seu pai. Unha noticia "muy triste para todos" pero que, desde a dor, os seus compañeiros toman como "un aliciente más, ganar por el equipo y también por nuestro compañero", sinalou o que será o seu substituto baixo paus, Andrés Delgado.
Por ese motivo completará a convocatoria pontevedresa o gardameta do filial Anxo Otero, nunha lista na que non se esperan máis ausencias ao mellorar das súas molestias os tres tocados: García Pichel, Chapela e Edu Moledo.
Ademais de ter que superar o "duro" 6-0 defensivo característico do Sinfín, Quique Domínguez busca minimizar "esos baches que tenemos y que nos cuestan caro, aunque es verdad que pasa más veces fuera de casa", declarou o técnico.
No bando cántabro, pola súa banda, a única dúbida coa que viaxa o equipo é o estado físico de Óscar Río, rengueante por mor dunha rotura de fibras.
Os árbitros do encontro serán os irmáns Juan José e Carlos Javier Gude Prego, do colexio vasco.
CAMPAÑA DE ABONADOS PARA A SEGUNDA VOLTA
Aproveitando a rolda de prensa previa ao choque ligueiro, o Teucro presentou a campaña de abonados para a segunda volta, na que os carnés de socios custarán exactamente a metade que a principio de tempada.
Ademais, desde o club sinalaron que se cumpriu o obxectivo social desta tempada, ao contar actualmente con 1.088 socios.
Relacionadas:
-
Un partido que vale máis de dous puntos
Por Diego Espiño |
-
Punto de garra para o Teucro ante o Go Fit Sinfín (30-30)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Momento decisivo para o Teucro na súa loita pola permanencia
Por Diego Espiño |
-
Dez malos minutos lastran ao Teucro en Guadalajara (32-30)
Por Redacción |