Carlos e Antón Paz apuran en Florida as súas opcións de clasificación olímpica
Por Redacción
A augas que bañan a localidade estadounidense de Clearwater (Florida) acollen desde este martes o Campionato do Mundo de Vela, que conta con representación pontevedresa pero obxectivos moi diferentes.
Carlos e Antón Paz xóganse no Mundial as súas últimas opcións de clasificación olímpica, xa que tras o campionato a dirección técnica da Federación Española de Vela decidirá que tripulación acode aos Xogos de Río 2016, ante a igualdade existente a nivel nacional no 49er.
Os de Vilagarcía víronse superados no pasado Mundial polos asturianos Federico e Arturo Alonso e por Iago López e Diego Botín, as outras dúas embarcacións con posibilidades, e agora buscan tomarse un desquite que lles pode levar a Brasil.
Xa clasificada para os Xogos Olímpicos está Támara Echegoyen, que competirá en Clearwater na modalidade de 49er FX xunto á súa compañeira Berta Betanzos.
As súas aspiracións no Mundial pasan por "seguir avanzando e mellorando os puntos débiles para conseguir o noso máximo nivel para os Xogos", recoñeceu Echegoyen, que loitará por achegarse ao podio final nunha categoría na que "seguen sumándose máis países ao top 5, así que non podemos descartar a ningún como rival", sinalou.