Triunfo vital do Pontevedra Rugby Club ante o Muralla de Lugo (20-15)
Por Redacción
Paso de xigante para o Pontevedra Rugby Club cara á permanencia na Primeira División Galega despois de superar, nun duro encontro, ao Muralla de Lugo (20-15).
Os pontevedreses colócanse con 16 puntos, sete de diferenza cos lugueses, que son os que ocupan a praza de descenso directo, e acomódanse na zona media da táboa. Fano despois de superar ao Muralla e ás condicións meteorolóxicas no campo de Monte Porreiro nun choque tremendamente igualado.
Empezaron mandando os visitantes grazas a un golpe de castigo, e aínda que despois dunha patada a seguir o PRC gañou a pelexa aérea para ensaiar baixo paus e colocarse 7-3, o Muralla chegou ao descanso por diante tras un ensaio (7-10).
A segunda metade arrincou cun golpe de castigo que supoñía o empate dos pontevedreses, pero o Muralla, en superioridade numérica, pechou na liña de 22 aos locais e terminou ensaiando para tomar de novo vantaxe.
Cando peor pintaban as cousas, mediado o segundo tempo, o PRC reaccionou para igualar despois dun 'maul' e dar a volta ao marcador ensaiando despois dun golpe franco xogado á man que colocou o definitivo 20-15.
A próxima xornada, prevista para o 20 de febreiro, será de descanso para o Pontevedra Rugby Club, mentres o Mareantes Hifas da Terra, que parou esta xornada, retomará a competición no campo do segundo clasificado, o CR Ferrol.