Unha dose de realismo
Por Diego Espiño
"Isto é unha lección". Así de contundente mostrouse Luisito tras a dolorosa derrota do Pontevedra o pasado sábado ante o Compostela, e é que o adestrador granate ten claro que "nós somos un equipo que se perdemos a perspectiva somos moi vulnerables".
Ademais da mala adaptación ás condicións do campo, o técnico recoñeceu "falta de intensidade", un pecado dentro da súa filosofía de xogo e que espera non repetir. O preparador granate expresouse con estas verbas na sala de prensa do Estadio Municipal de San Lázaro e agora trata de lembrarllo aos seus xogadores nunha semana de traballo que arrincou este luns en Príncipe Felipe coa mirada posta na visita do líder, Racing de Ferrol, a Pasarón o vindeiro domingo (17:00 horas).
Luisito: "Somos un equipo que si perdemos a perspectiva somos moi vulnerables"
Será unha boa ocasión para deixar atrás as malas sensacións que o equipo transmitiu en Santiago e tamén para poñer fin a unha mala serie que dura xa catro xornadas, as que leva o Pontevedra sen gañar e que falan, a nivel de resultados, do seu peor momento da liga posto que nin durante o irregular comezo de competición mantivéronse tanto tempo sen gañar.
Certo é que opcións tiveron, e merecérono tamén, en anteriores partidos como o de Lealtad. Por iso, e ante a situación similar que viviron na primeira volta, o plantel espera que os duelos ante rivais da parte alta como Ferrol ou Racing de Santander sirvan para recuperar o ritmo porque "se somos como temos que ser e trasladamos ao campo o que facemos nos adestramentos, somos un equipo fastidiado para os rivais", explicou Luisito.
Ante o Racing de Ferrol os granates perderán por sanción a Kevin Presa, expulsado en San Lázaro, pero por contra recuperan a Pablo e a Pedro García.
DÚBIDAS NO RACING DE FERROL
Se o momento non é o mellor no Pontevedra, tampouco o Racing de Ferrol, a pesar da súa clasificación no alto da táboa, atravesa o seu mellor momento da tempada. Despois de encaixar tres derrotas en catro partidos e ver perigar o liderado, o cadro departamental reaccionou en canto a resultados con dous triunfos e un empate que lle volven a destacar na clasificación, pero segue transmitindo sensacións contraditorias.
No seu triunfo da pasada fin de semana ante un necesitado Sporting B (2-0), os de Miguel Ángel Tena só conseguiron romper a igualdade nos últimos minutos, con goles no 87 e o tempo de desconto. Ademais os ferroláns perden ao seu gardameta titular, Ian Mackay, ao sufrir unha lesión muscular.
ESPAZO RESERVADO PARA A AFECCIÓN FERROLÁ
O Pontevedra anunciou que, ante a esperada presenza de afeccionados de Ferrol, habilitarase un espazo reservardo para eles na zona inferior da bancada de Preferencia cara ao Fondo Sur. As entradas para o encontro terán un custo de 18 euros en Tribuna, 15 en Preferencia e 10 nos fondos.
Relacionadas:
-
Contra o líder e os elementos na visita do Racing de Ferrol a Pasarón
Por Diego Espiño |
-
Risco de suspensión no Pontevedra-Racing de Ferrol
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra e Racing, pendentes da enfermaría
Por Diego Espiño |
-
Naufraxio dun Pontevedra despistado e sen fútbol (3-0) ante un Compostela máis intenso
Por Diego Espiño & Ramiro Espiño |