Un erro grande no desconto pon colofón a un desastroso partido do Pontevedra (0-1) fronte ao Cerceda
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Cun só disparo a porta con perigo resulta moi difícil gañar un partido. Se ademais concedes ao rival a posesión de balón, non es capaz de parar as súas contras e regalas un gol no desconto nunha xogada a balón parado, mal defendida e absolutamente previsible, de nada serven as lamentacións porque o lóxico é que acabes perdendo.
Certo é que a derrota doe especialmente polo momento en que se materializa, co tempo regulamentario cumprido e o engadido superado, pero ata que non pita o árbitro non se pode perder a concentración, e o Pontevedra cometeu demasiados pecados para non ter que pasar unha dura penitencia.
Ademais, as lamentacións granates increméntanse ao botar unha ollada aos marcadores doutros campos, xa que de ter sumado os tres puntos os de Milo Abelleira se terían erguido ao terceiro posto, deixando ao Cerceda a unha distancia considerable, pero está visto que a regularidade non é o punto forte deste equipo que, tras encadear cinco xornadas sen perder o fixo no seu feudo do peor xeito posible, dando unha pésima imaxe colectiva de falta de ideas e mesmo intensidade para superar a un rival serio, ordenado, con oficio, que manexou os tempos ao seu antollo e que se non materializou antes o seu triunfo foi en primeiro lugar por falta de puntaría nos metros finais e despois pola cegueira arbitral, que ignorou un claro penalti de Yago Vázquez sobre Hugo García, a pouco de comezar a segunda parte.
Pero a verdade é que o equipo pontevedrés empezou a perder o partido no vestiario. O experimento de adiantar a Pablo ao pivote defensivo como compañeiro de Iago Paz non funcionou e aínda que Milo intentou corrixir sobre a marcha pasando a Jacobo ao centro e colocando a Iago en banda, o mesmo que faría máis tarde colocando a Cristóbal Juncal, ningún dos xogadores que pasaron por esa posición conseguiron darlle sentido á circulación de balón, nin sequera garantir a posesión, que foi maioritariamente visitante.
O Cerceda durmiu o partido no primeiro período, como querendo xogar co tempo e coa paciencia da bancada local. Escondeu o balón manexando os tempos ao seu antollo. Foron 45 minutos de tedio e aburrimento, cun só disparo a porta por bando, pero coa sensación de que os visitantes podían facer máis en canto se o propuxesen.
A segunda parte comezou co derrubamento non sinalado de Yago Vázquez a Hugo García e con algo máis de pouta por parte local, especialmente tras a entrada de Javi Pazos, pero nin el nin Stefan recibiron un só balón en condicións de intentar o remate con perigo. O Cerceda parecía conformarse co empate, retardando o xogo, ata que o partido se rompe, a falta de 15 minutos, e nese xogo de ida e volta mentres o Pontevedra descubría os seus vergüenzas, os visitantes coqueteaban coa vitoria.
Javi Pazos tivo nas súas botas a única ocasión clara do Pontevedra en todo o partido
Quique Cubas, un ex.granate, perdoou a mellor ocasión, a menos de dous metros da liña de gol. O seu remate sacouno co pé Lloves. Herbert crecía, aínda sen moito apoio, e das súas botas nacían as mellores accións do partido. Curiosamente neste toma e daca o Pontevedra estivo a punto de sacar petróleo, cando Javi Pazos recibe dentro da área, pero o seu disparo no man a man con Darío mándao o porteiro a corner. Non tería sido xusto, xa que foi o único lanzamento con perigo entre os tres paus en todo o partido, por parte dos granates.
Pero cando bastantes dos poucos espectadores xa se foran das bancadas, no desconto o fútbol fixo xustiza a quen máis buscou a vitoria, ou polo menos ao equipo que mellor interpretou o partido e fixo máis méritos. O Cerceda aprovéitase da "amabilidade" da defensa local e na última acción lévase os tres puntos, provocando o lóxico enfado dunha afección decepcionada co pobre xogo ofrecido polo Pontevedra, ao que despediu cunha forte apupada.
PONTEVEDRA, C.F. (0): Lloves (1); Cristóbal Juncal (1), Cristóbal Domínguez (1), Yago Vázquez (2), Adrián Gómez (1); Tubo (0), Pablo (2), Iago Paz (1), Jacobo (0); Richi (1) e Santi Domínguez (0).
Substitucións: Nano (1) por Cristóbal Domínguez, minuto 46. Stefan (1) por Santi Domínguez, minuto 46. Javi Pazos (2) por Tubo, minuto 60.
C.C.D. CERCEDA (1): Darío (1); Noé (1), Álex Canedo (1), Aitor Díaz (2), Josito (1); Rodri (2), Pablo Antas (1); Herbert (3), Xaco (1), Marcos Remeseiro (2); e Hugo García (1).
Substitucións: Souto (1) por Xaco, minuto 65. Quique Cubas (1) por Pablo Antas, minuto 73. Alberto Vía (s.c.) por Hugo García, minuto 79.
Árbitro: Antonio José Leiras Martínez, auxiliado nas bandas por Samuel Martínez López e Juan Carlos Polo Fernández (Lugo). Amoestou a Tubo, Pablo, Javi Pazos, Xaco, Marcos Remeseiro e Pablo Antas.
Goles: (0-1) Minuto 93: Falta dende o círculo central que lanza Souto, prolonga de cabeza Aitor Díaz e Marcos Remeseiro, libre de marcaxe, remata cruzado ante a pasividade da zaga local.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Frouxa entrada con pouco máis de 1.000 espectadores.
VESTIARIOS:
JOSÿ LUIS LEMOS: Visiblemente contento o técnico visitante tiña claro como se desenvolvera o partido: "Saímos coa idea de controlar o balón e dominamos o partido. Na segunda parte o Pontevedra foi máis directo e apertounos un pouco, pero as ocasións foron nosas e aínda que o gol chegou no desconto o empate non sería xusto. Tivemos fe para irnos arriba nesa última acción, pero é verdade que cando fallamos antes un par de oportunidades claras, cheguei a pensar que o partido nos podía escapar".
Lemos vía moita similitude co acontecido no seu campo do Roxo na primeira volta: "Alí o Pontevedra gañounos merecidamente no desconto e aquí foi ao revés, gañamos nós e tamén con todo o mérito".
MILO ABELLEIRA: O adestrador local non buscou escusas á derrota: Non fomos capaces nunca de apertar ao rival na saída do balón e fomos sempre a remolque. Aínda que sexa doloroso por como se produciu e en que momento, teño que recoñecer que eles mereceron a vitoria. Nós fixemos moi pouco, case nada, para gañar o partido".
Milo tamén encontrou semellanzas co partido da primeira volta: "Foi un calco pero ao revés do partido que xogamos no seu campo. Non fomos capaces de parar as súas contras e tampouco conseguimos crear moito perigo".