Pontevedra pasa o exame para o Campionato de Europa de Piragüismo Maratón 2015. Jorn Cronberg cualifica de excelentes as instalacións
Por Ramiro Espiño
Pontevedra ten serias opcións de acoller o Campionato de Europa de Piragüismo na modalidade de Maratón do ano 2015. O representante técnico da ECA (European Canoe Association), o danés Jorn Cronberg, pasou a xornada do sábado coñecendo a cidade, as instalacións técnicas e, finalmente, o circuíto sobre o que se pretende desenvolver a proba.
Nun encontro a pé de pantalán co concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e o presidente da Federación Española de Piragüismo, Juan José Román Mangas, admitiu estar moi agradablemente sorprendido polo que viu durante todo o día.
"Pontevedra conta cunhas excelentes instalacións, un circuíto moi próximo á cidade e marcho coa sensación de que aquí dispoñemos de todo o que necesitamos moi preto da cidade", declarou. "Estou convencido de que aquí podemos organizar un evento moi fermoso". Precisamente estas palabras fan concibir fundadas esperanzas de que o informe do danés sexa favorable á candidatura pontevedresa, especialmente se se ten en conta que xa cursou tamén visita á cidade rival.
Ao mesmo tempo confirmou que Pontevedra só competirá coa cidade eslovena de Bohinj, dado que a candidatura de Kiev (Ucraíña) decaeu, ao non achegar o dossier técnico no que deben explicarse todos os aspectos da organización do evento. A decisión adoptarase probablemente a finales do próximo mes de marzo, durante o congreso da ECA, a celebrar en Zagreb.
Cronberg pediu pequenas correccións nalgúns aspectos, pero matizou que está seguro de que, diante do nivel organizativo amosado, non habería ningún problema para corrixilos. A súa visita ao circuíto organizada durante a tarde, fíxose coincidir cun control de adestramento montado ex profeso pola Federación de Piragüismo. Deste xeito, o representante da ECA tivo ocasión de observar a máis de 250 padexeiros sobre a mesma pista na que se pretende celebrar o Europeo de Maratón.
A estancia de Jorn Cronberg comezou pola mañá con senllas visitas ao Pazo da Cultura e ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva. A continuación tivo tempo para percorrer o Centro Histórico e a Praza de Abastos, instalación que lle causou un gran impacto, pois, recalcou, non é habitual en Centroeuropa observar peixes e mariscos frescos, e mesmo vivos, á venda.
Xa pola tarde realizouse a visita ao circuíto, que primeiro realizou a bordo dunha motora, e finalmente supervisou dende a orilla. A xornada concluíu cunha cea co comité que preparou a candidatura de Pontevedra, con presenza dos presidentes das federacións española e galega, así como os concelleiros de Deportes, Agustín Fernández e de Turismo, Carlota Román.
A concesión do campionato traería a Pontevedra a unhas 2.000 persoas durante unha semana
Agustín Fernández recalcou que a visita deixa moi boas sensacións. Destacou que Pontevedra fixo un bo traballo e agora só queda agardar. Lembrou que o Campionato de Europa de Maratón sería, de celebrarse en Pontevedra, o evento deportivo máis importante de cantos ten acollido Pontevedra. Agárdase a presenza dun milleiro de deportistas, pertencentes ás distintas seleccións nacionais, repartidos entre 500 e 600 barcos. Sumando técnicos e acompañantes, a afluencia total estará en torno ás 2.000 persoas. A elo hai que engadir que trátase dunha competición que abrangue case unha semana: de martes a domingo, polo que o número de pernoctas multiplícase.
A competición de Maratón estrutúrase nas categorías de C-1, C-2 e K-1 e K-2. E, por idades, junior, senior e veteranos.
O circuíto deseñado comeza na zona de Tafisa, onde se sitúan a saída e a chegada. Inclúe o remonte do río ata a zona da praia fluvial e a ponte de San Bieito, onde se daría a volta ata a ponte do Burgo. En total 4.200 metros dun campo de regatas ao que se darían case sete voltas ata chegar a cubrir a distancia de 20 Km.
A peculiaridade do Maratón é que inclúe, como unha das partes máis vistosas, un portexo no que os piragüistas saen da auga e transportan a embarcación a pé. Estaría situado na entrada da Illa das Esculturas e abranguería entre 150 e 300 metros.