Evaristo Portela, candidato ao Cidade de Pontevedra polo seu labor á fronte do Super Froiz
Por Redacción
Parece que o próximo Cidade de Pontevedra terá un marcado carácter deportivo. Polo menos, a ese ámbito pertencen os principais candidatos. Tras coñecerse que Mace Sport optará ao premio na categoría de persoas xurídicas, agora desvelouse que como persoa física presentouse a candidatura de Evaristo Portela, ex ciclista profesional e director deportivo do Super Froiz desde hai case trinta anos.
Esta proposta, presentada no rexistro municipal pola Aula de Educación Viaria de Pontevedra, lembra que Evaristo Portela "levou o nome da cidade por bandeira" na súa etapa como ciclista profesional, protagonizando "episodios de éxito" ao longo da súa "dilatada e brillante" carreira.
Ademais, a Aula apunta a que, tras deixar a competición, seguiu vinculado ao deporte. Fíxoo "convencendo a Magín Froiz para crear un modesto equipo ciclista". Era o ano 1987 e o que comezou cun pequeno proxecto deportivo converteuse nunha das grandes referencias do ciclismo afeccionado no noso país, logrando liderar o ránking nacional de forma consecutiva durante o últimos sete anos.
O traballo de Portela como director deportivo do equipo axudou aos éxitos dun equipo que leva o nome de Pontevedra por todo o país, todo iso grazas á súa "dedicación, traballo, constancia, ambición e amor a este deporte", pero mentres que ao equipo e ao seu patrocinador recoñecéuselles en numerosas ocasións "a súa alma mater non foi recoñecida como debese".
Por iso, finaliza esta proposta que "xa vai sendo hora de que se recoñeza a valía desta persoa, que segue na brecha a pesar das dificultades que atopou polo camiño". Así, solicitan o premio porque "o seu amor polo ciclismo e por Pontevedra está máis que demostrado".
Relacionadas:
-
Calros Solla e o IES Luis Seoane, premios Cidade de Pontevedra 2015
Por Redacción |
-
O Cidade de Pontevedra é cousa de seis
Por Redacción |
-
A Federación de Veciños Teucro propón que a festa HQR leve o Cidade de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Mace-Sport, primeiro candidato aos premios Cidade de Pontevedra
Por Redacción |
-
Abre o prazo para a presentación de candidaturas aos premios Cidade de Pontevedra
Por Redacción |